A calidade da auga do Tambre mellora: Santiago, Ames e Brión recuperan o abastecemento

Os traballos para mellor a calidade e cor da auga continúan (Foto: @VIAQUA).
O risco de precipitacións pode empeorar os niveis de contaminación tras o vertido de máis de 200.000 litros de xurros ao río procedente dunha explotación de Trazo.

As últimas analíticas realizadas confirman que a situación evoluciona favorabelmente e a calidade da auga do Tambre mellora. Augas da Galiza asegura que o pico do foco de contaminación está superado tras a alerta dos concellos de Santiago, Ames e Brión á súa veciñanza na xornada do sábado, que obrigou a recomendar un uso responsábel e á subministración externa nalgúns barrios de Compostela.

Tras se detectar a pasada quinta feira un vertido de xurros procedente dunha granxa de Trazo, a Xunta activou o protocolo de seguimento do foco e deu parte á concesionarioa do servizo de augas de Santiago.

Desde entón, Viaqua realizou medicións periódicas para determinar a calidade da auga destinada ao consumo humano, que desde a noitiña do sábado é potábel malia presentar niveis de turbidez nalgúns barrios de Santiago que aínda tratan de resolver.

Malia a cor parda da auga nalgunhas casas, desde a empresa concesionaria advirten que é consecuencia "das tarefas de purgado en zonas puntuais".

Control do vertido

Augas da Galiza ordenou actuacións para conter e frear a expansión do vertido desde que recibiu aviso. Habilitou gabias que axudaron a contelo. Agora, colabora cos corpos de seguridade para esclarecer as causas do acontecido e tramitar o expediente sancionador que corresponde.

Segundo confirma o Concello de Santiago, a potabilizadora está a subministrar auga con normalidade, malia os problemas de turbidez dos que se laia a veciñanza, e tras se suspender durante varias hora a captación de auga do Tambre no momento máis crítico de contaminación.

A vixilancia e as analíticas por parte da Xunta continúan, especialmente ante a previsión de chuvias que poden complicar a contención e o desvío dos xurros para que filtrasen no terreo no canto de ir dar ao río.

Prohibido o baño

Desde este domingo, o Concello de Ames mantén a prohibición de bañarse na praia fluvial de Tapia mais na piscina do Milladoiro. "Debido á falta de información oficial por parte da Consellaría de Sanidade e de Augas da Galiza e ante a imposibilidade de facer analíticas, o Goberno de Ames vese obrigado a prohibir o baño na praia fluvial de Tapia logo da vertedura dunha empresa gandeira no río Tambre". 

Ao mesmo tempo acordou o feche da piscina do Milladoiro "dado que a auga está a saír turbia despois de quedar os depósitos ao mínimo tras os problemas de subministración" iniciais.