Cales son as praias máis extensas da Galiza (e que atopamos nelas)?

A praia de Carnota ten sete quilómetros de lonxitude. (Foto: Turismo da Galiza)
Os 861 areais galegos sitúan o país á cabeza nestes espazos e contan cunha grande e rica biodiversidade.

A Galiza destaca por ser o territorio coa maior cantidade de quilómetros de costa e, ao mesmo tempo, co maior número de praias, 861. A pesar disto, os nosos areais non adoitan acadar unha grande extensión, debido principalmente á irregularidade da orografía costeira galega. O ránking das praias máis extensas encabézano as comarcas da costa atlántica, pola súa maior exposición das ondas e, polo tanto, aos procesos erosivos costeiros.

No concello de Carnota, na comarca de Muros, con case sete quilómetros de lonxitude, temos a praia homónima, que destaca polos seus valores naturais, sendo declarada, xunto co Monte Pindo, ZEC (Zona Especial de Conservación) e ZEPA (Zona de Especial Proteción para as Aves). A praia é famosa polas súas dunas móbeis e semimóbeis, igual que as marismas que se forman na desembocadura do río Vadebois, nas cales abondan os xuncos.

Debido a este ecosistema, aves como a píllara papuda, a garza real, a folosa das canaveiras, o pilro tridáctilo e o pato frisa, escollen este sitio como lugar de paso ou como hábitat para vivir. A flora destacan nas dunas e as súas protagonistas son a acelga salgada e a carrasca branca.

A seguinte praia que conta cun maior número de quilómetros é a de Corrubedo, que forma parte do Parque Natural das Dunas de Corrubedo, e o complexo areoso ao completo conta cun total de catro quilómetros de extensión. Está formado polas praias da Ladeira, Lagoa e Ferreira.

O parque natural ten a presenza de múltiples especies como o sapo de esporas, a ra verde, o sapo pinto e a víbora de Seone. No caso das aves, salientan especialmente a píllara das dunas e a tartaraña das xunqueiras —este é o único lugar da Galiza no que cría—, así como outras especies como a píllara dourada, o lavanco, a galiñola negra e o bilurico bailón. Xa en territorio marítimo pódense ver corvos mariños, mascatos e negrón común. Alén de contar coa figura de protección de parque natural, tamén está incluído no Convenio Ramsar desde o ano 1993.

Con 3,6 quilómetros, está a praia de Baldaio, no concello de Carballo (Bergantiños). Igual que os anteriores areais, debido á converxencia entre o areal e o rego de San Miguel, danse as condicións perfectas para a existencia dunha lagoa costeira. Isto repercute directamente na biodiversidade do ecosistema, que crea un ambiente idóneo para a proliferación de aves como a píllara papuda e a escribenta das neves. Debido a isto, está declarado como ZEC e ZEPA.

Moi próxima en extensión, a praia da Frouxeira, no Valdoviño, con 3,5 quilómetros, declarada LIC, ZEPA e pertencente ao Convenio Ramsar. Aliás, na Lagoa e Areal do Valdoviño hai varios anfibios como a ra de San Antonio, a vermella e a píntega. As cobras de colar ou a víbora de Seoane protagonizan o grupo dos réptiles. Como sucede no resto dos areais, as aves acaparan todo o protagonismo: galiñola negra, pato frisado, gaivota chorona, garza imperial ou falcóns.

Vexetación

En canto á vexetación, esta dispérsase segundo a auga e a súa salinidade. Dependendo destes parámetros, as especies estabelécense dentro dun radio favorábel para o seu desenvolvemento e reprodución. Polo tanto, nas proximidades da lagoa, encontrarémonos xuncos e carrizos; despois podemos ver proliferar musgos e liques nas dunas e na súa fronte especies como Euphorbia paralias, arenaria do mar, cardo de mar narda marítimo.