Cales pensa a mocidade galega que son os principais problemas climáticos?

Consello Climático nas Neves. (Foto: Europa Press)
As mozos e mozas enquisadas estiman que os problemas ambientais con maior impacto son os incendios forestais (74%), a contaminación do aire (63%) e a seca (58%).

Unha sondaxe enmarcada no proxecto europeo People & Planet desvela que tres de cada catro mozos e mozas consideran que o cambio climático afecta á súa vida diaria e á súa saúde.

No caso da Galiza, esta porcentaxe elévase a 85 %, xa que a maior parte das persoas enquisadas no Estado español eran galegas (o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é o único socio do Estado que participa nesta iniciativa).

Así, os mozos e mozas enquisadas estiman que os problemas ambientais con maior impacto son os incendios forestais (74%), a contaminación do aire (63%) e a seca (58%). Os incendios e a falta de auga son percibidos tamén como as cuestións ambientais que máis afectan o país en xeral.

93% da mocidade é consciente de que a emerxencia climática ten a súa orixe na actividade humana e fan referencia a accións individuais para favorecer a sustentabilidade. Nese sentido, 83% din pechar a billa mentres lavan os dentes; 61% "sempre recicla"; e 78% opta polas duchas en lugar dos baños.

Participación en campañas ambientais

A sondaxe tamén mostra que 8% dos mozos e mozas participa habitualmente en campañas ambientais e 11% compra produtos de comercio xusto. Con todo, son significativos os niveis de participación en accións públicas vinculadas ao clima, especialmente a través de publicacións en redes sociais (59%), co voto nas eleccións (56%) ou na participación de accións reivindicativas como folgas e manifestacións (56%).

O proxecto mostra unha vinculación entre compromiso social e ambiental, e tamén revela que 60% das persoas coñecen políticas ou iniciativas globais para mitigar o cambio climático, aínda que a porcentaxe cae a 43% no caso de políticas estatais.

67% considera que a educación é a mellor vía para implicar a mocidade na loita contra o cambio climático e 75% reclama apoio económico das administracións para que se poidan impulsar as iniciativas da xente nova en favor da sustentabilidade.

4.000 enquisados en Europa

Esta enquisa desenvolveuse nos oitos países que forman parte do proxecto People & Planet e na campaña Water of the Future: o Estado español, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía e Países Baixos.

Segundo explicou o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, case 4.000 persoas, a maioría entre 15 e 34 anos, participaron na sondaxe. No Estado español reuníronse 750 respostas, case todas da Galiza.