Cal é o impacto do teu concello no cambio climático e a biodiversidade? Este buscador permíteche sabelo

buscador2

Greenpeace presenta un buscador que analiza todos os concellos da Galiza e o Estado español para amosar canto contribúe cada un a agravar o cambio climático, ou ben, a protexer a biodiversidade. Podes usalo no interior da nova.

 

O 14% da superficie do concello de Ribeira, na comarca do Barbanza, contribúe a agravar o cambio climático, mentres que o 85,5% do territorio deste municipio aos pés da Ría de Arousa axuda a conservar e protexer a biodiversidade. E como sabemos isto? Pois a través dunha nova ferramenta, presentada hoxe, Día da Terra, por Greenpeace e na que podes coñecer a realidade de todos os concellos galegos e do Estado nesta cuestión.

Así, e seguindo co exemplo de Ribeira, nese buscador explícannos que de todo o termo municipal, o 14.08% do chan alberga actividades que emiten gases de efecto invernadoiro ( GEI) os principais causantes do cambio climático, como industrias, agricultura industrial e outras superficies artificiais que emiten GEI.

Porén, un 85.52% do termo municipal contribúe á conservación da biodiversidade. Son áreas naturais e seminaturales, de bosque, matogueira, ríos, pastos, prados, e outros hábitats que albergan vida e ademais contribúen á mitigación do cambio climático porque actúan como sumidoiros naturais de carbono atmosférico

En Vigo, por buscar outro exemplo, esa correlación é de 37 a 61%, mentres que en Viveiro é de 5,6 a 94 e no Carballiño de 10 a 90%, por poñer outros catro exemplos. Mais no buscador, ao que podes acceder aquí, podes proxcurar calquera municipio galego.

Greenpeace presentou en rolda de prensa o informe HablaRural: O papel clave da España rural fronte á emerxencia climática e a perda de biodiversidade, que analiza o uso do chan ao longo de todo o territorio do Estado e os seus municipios, cuantificando a provisión de servizos ambientais que presta o territorio á sociedade. A organización preparou este buscador, inédito ata o momento, para que os usuarios poidan coñecer a realidade concreta de calquera municipio.

Greenpeace analizou o uso do chan ao longo do 505.000 km2 do territorio do Estado e os 8.115 municipios que o conforman, cuantificando os servizos ambientais que prestan, tales como abastecemento de comida e auga, conservación da biodiversidade ou regulación climática, entre outros.

A análise deixa unha clara conclusión para a orgenización ambientalista: os pobos axudan a frear o cambio climático un 34% máis que as cidades e contribúen 20 veces máis á conservación da biodiversidade. Por iso, necesitamos pobos vivos e fortes para afrontar o maior reto que vive a sociedade.