“Pero cal é o ‘entramado’?”: A Audiencia Nacional á procura de enaltecedores do terrorismo

Un responsábel da Garda Civil declara na Audiencia Nacional no xuízo da Operación jaro

Terceira xornada do xuízo contra 12 independentistas galegos. Declaracións de peritos e membros das forzas de seguridade, tamén de testemuñas propostas pola defensa. 

 

O motivo que leva a 12 independentistas galegos a sentar no banco dos acusados da Audiencia Nacional é que a Garda Civil considera que na Galiza hai un ‘entramado’ que se dedica a enaltecer terroristas. En base a esta visión, defendida pola Fiscalía, Causa Galiza e Ceivar (para as que se pide a ilegalización) son a plataforma encargada de tal finalidade.

O “entramado” apareceu en varias ocasións nas declaracións de membros das forzas de seguridade nesta terceira sesión. Apareceu para falar da existencia dunha conexión e coordinación entre Causa Galiza e Ceivar. “Pero cal é o entramado?” chegou a preguntar o proio xuíz Alfonso Guevara. “Está documentado”, mantivo o garda civil que investigou a documentación e material inacutado a Causa Galiza. “Non nos consta en ningún informe”, retrucou a Defensa.

Nestas tres xornadas decorridas na Audiencia Nacional se algo ficou claro é que ambas as dúas organizacións realizaban os seus actos públicos no marco da legalidade e cumprindo coa comunicación debida dos mesmos ás autoridades pertinentes. Ningún destes actos foi suspendido polas autoridades ou forzas de seguridade. 

Porén, a acusación sitúa as actividades da celebración do Día da Galiza Combatente como unha das bases para construír o relato de “enaltecemento do terrorismo”. A defensa preguntou á Garda Civil, acto por acto, e xa que estes eran acobillo de ‘enaltecementos’, “que expresións enaltecedoras” se dixeran nos mesmos. Non houbo resposta ao caso.Declararon tamén na xornada de hoxe persoas que participaron nalgúns dos actos do Día da Galiza Copmbatente, como o historiador Xesús Sanxoás ou o politólogo Xavier Sánchez Pazos, que explicaron que interviran nas palestras para falar de diversas cuestións históricas e políticas da Galiza, que é o que se facía nestas conmemoracións. En todo caso, actos nos que non houbo “enaltecemento”.

“A loita continúa”

Lemas como “A loita é o único camiño” ou “A loita continúa” tamén estiveron presentes nesta xornada. Para algúns peritos das forzas da seguridade, o independentismo “radical” xulgado apoia e defende usar medios “legais e ilegais” para os seus obxectivos. As mencionadas consignas situaríase nesa liña de enaltecemento

Desde a defensa lembróuselle que esas consignas e lemas eran tamén propias de mobilizacións de organizacións sindicais, sen que diso se puidese determinar que se estivese a xustificar a violencia. 

O propio perito que investigou as redes sociais de Causa Galiza recoñeceu que nestas falábase de “loita” mais “en ningún caso falaba de loita armada”.

Esta quinta feira continúa o xuízo na Audiencia Nacional.