A cafetaría de Lavacolla, ateigada de xente a pesar das prohibicións polo contaxio da COVID-19

A cafetaría de Lavacolla, repleta de persoas [Imaxe: Rafael Peña]
A cafetaría de Lavacolla fai caso omiso das indicacións da Xunta e abre as súas portas 

Ainda que o Goberno galego activou un plan territorial de emerxencias mediante o cal chama ao confinamento para evitar aglomeracións e, deste modo, facer fronte á rápida expansión do coronavirus entre a poboación galega, dito estado de alerta non o é tal para o aeroporto de Lavacolla, oficialmente xa rebautizado como Rosalía de Castro, que fai caso omiso da declaración de emerxencia sanitaria na Galiza instaurada desde o serán desta sexta feira.

A cafetaría de Lavacolla mostra unha imaxe da súa cafetaría ateigada de persoas, un feito que se pode entender como un acto de irresponsabilidade, pois o Goberno autonómico ordenou, para evitar un maior número de contaxios pola COVID-19, o feche de bares, restaurantes e cafetarías para atención ao público e que os centros comerciais só abran as zonas de alimentación.

Estado de alarma 

Lembremos que o actual estado de alarma foi decretado debido á "crise sanitaria", un suposto dos que se recollen na Constitución, cando se propagan epidemias, pandemias ou situacións de contaminación.

As condicións que se dan nun estado de alarma están reguladas pola Lei Orgánica 4/1981. Unha situación só prevista en "circunstancias extraordinarias" nas que resulte "imposíbel o mantemento da normalidade", como sucede agora coa enfermidade provocada polo coronavirus, a COVID-19. 

En canto ao aforo, o estado de alarma recolle pautas sobre as súas limitacións. Por unha banda, en recintos pechados con capacidade para máis de 50 persoas, limitouse a asistencia a un terzo do aforo. Foron suspendidas todas as actividades colectivas realizadas en espazos pechados que impliquen máis de 1.000 persoas; e, no caso de espazos abertos, limítase o aforo a 500 persoas. E, ademais, pecháronse museos, bibliotecas e arquivos xestionados pola Xunta.