Caen as hospitalizacións mais ascenden lixeiramente os novos contaxios

Medicina Interna e Pneumoloxía son as plantas de hospitalización de referencia para o coronavirus.

A presión hospitalaria segue a tendencia descendente e os pacientes con Covid-19 ingresados descenden até os 400, o que supón 48 menos que a xornada anterior, mentres novos contaxios diarios volveron  incrementarse até os 210, tras iniciar a semana con 103.

Así se constata nos datos actualizados esta sexta feira pola mañá pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da quinta feira, nos que se indica que hai 89 pacientes Covid en UCI na Galiza -catro menos- e 311 noutras unidades -44 menos-.

As persoas hospitalizadas descenden en todas as áreas sanitarias galegas, salvo na de Santiago e Barbanza, onde se manteñen 14 pacientes Covid en UCI -sen cambios-, pero soben a 49 os ingresados noutras unidades -cinco máis-.

Por contra, o maior alivio en hospitalización corresponde á área da Coruña e Cee, onde baixan a 31 os pacientes en UCI -dous menos- e a 97 os que se atopan noutras unidades -29 menos-; seguida da de Ourense, onde aínda que aumentan a tres o críticos -un máis-, descenden a 25 os doutras unidades -nove menos-.

Tamén se reducen os ingresados na área de Pontevedra e O Salnés, con nove pacientes Covid en UCI -dous menos- e 29 noutras unidades -tres menos-; así como na de Vigo, onde aínda que hai un máis en críticos -13-, caen a 56 os doutras unidades -seis menos-.

En canto á de Ferrol, as persoas con coronavirus ingresadas en UCI baixan a seis -unha menos- e as que permanecen noutras unidades de hospitalización redúcense a 35 -dúas menos-; mentres que na área de Lugo caen a 13 o críticos -un menos- e mantéñense en 20 os que se atopan noutras unidades.

Menos casos activos, pero máis contaxios

A tendencia descendente segue tamén no relativo aos casos activos que se reducen a cifras de principios de outubro na Galiza, con 4.168, o que implica 285 menos que os rexistrados a xornada anterior.

Os casos activos redúcense nas sete áreas sanitarias, coa da Coruña e Cee á cabeza en número total, con 1.388; mentres que as outras seis sitúanse por baixo do milleiro. Deste xeito, a de Vigo conta con 722; a de Pontevedra e O Salnés, con 599; a de Santiago e Barbanza, con 460; a de Ferrol, con 376; a de Lugo, con 373; e a de Ourense, con 250.

Por contra, os novos contaxios diarios detectados con calquera tipo de proba manteñen a tendencia ascendente desde o inicio da semana, que comezou a segunda feira con 103; a terza con 117; a cuarta con 173 e a quinta con 191, mentres que esta sexta hai 210.

Deles, 176 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas -15 máis que a xornada anterior-, dos que 71 corresponden á área da Coruña e Cee; 38 á de Vigo; 22 á de Santiago e Barbanza; 18 á de Lugo; 14 á de Pontevedra e O Salnés; sete á de Ferrol; e seis á de Ourense.

Taxa de positividade en 1,7%

Galiza levou a cabo 1.700.113 PCR segundo os últimos datos actualizados pola Consellaría de Sanidade, o que supón 8.114 probas máis que as feitas até o día anterior.

En canto á taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- reduciuse lixeiramente a un 1,7% após situarse nun 2% a xornada anterior. Así, mantense por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa como máximo para dar por controlada a pandemia.

Desde o inicio da pandemia faleceron coa Covid-19 un total de 2.262 persoas, tras notificar as autoridades sanitarias na quinta pola noite tres novas vítimas.