Caen os episodios de odio mais non as agresións LGBTIfóbicas

Ana G. Fernández, presidenta de ALAS A Coruña, xunto aos técnicos Óscar Rodríguez e Pablo Zas. (Foto: ALAS A Coruña).
Nin vagas nin maleantes é o título do informe 2022 do Observatorio Coruñés contra a LGBTIfobia. A asociación ALAS A Coruña presentouno onte na cidade, onde destacou os graves problemas de recursos habitacionais e de saúde mental cos que baten a diario.
 

Os datos asistenciais do Observatorio Coruñés contra a LGBTIfobia ao longo do ano pasado amosan por primeira vez unha "estabilización" das cifras con respecto ao ano anterior. O servizo da asociación ALAS A Coruña rexistrou en 2022 un total de 330 intervencións relacionadas con 220 casos novos. "O ano pasado atendemos persoas de 23 nacionalidades diferentes", oito máis que en 2021, salienta a presidenta da entidade, Ana G. Fernández, a Nós Diario. As persoas de fóra representan case 40% do total, "na súa maioría solicitantes de protección internacional, asilo e refuxio, o que nos permitiu detectar un problema bastante grande de recursos habitacionais na cidade".

A falta de aloxamentos de  emerxencia está a deixar moita xente na rúa, nunha situación "verdadeiramente precaria", precisa a voceira de ALAS A Coruña, quen denuncia tamén a violencia que exercen algúns albergues contra as persoas LGBTI e a mobilidade moitas veces inxustificada á que se ven sometidas. "Pasan tres días na Coruña, mándanas outros dous a Ferrol, logo móvenas a outro sitio... Neste periplo separan familias e hai veces que deixan xente na rúa".

Saúde mental

Desde o observatorio, que conta desde os seus inicios co apoio do Concello da Coruña, pídenlle á administración local, "que é quen ten as competencias", que dispoña recursos suficientes para a acollida de todas as persoas que o necesitan. Tamén en materia de saúde mental. Cada vez son máis as persoas que chegan solicitando unha asistencia especializada "porque veñen en situacións límite que requiren dun profesional ao que non poden acceder no sistema público, totalmente taponado, e que nós tampouco temos".

É unha débeda pendente, asegura Ana G. Fernández imprescindíbel para a asistencia integral de quen se achega ao seu servizo de axuda. En 2022 o Observatorio Coruñés contra a LGBTIfobia ocupouse de un caso novo cada dous días.

Violencia física e verbal

De todos os incidentes rexistrados, 68 foron catalogados como episodios de odio, "dos cales 58 son consideradas agresións directas contra a comunidade LGBTI: verbais, físico-verbais, acoso e agresións sexuais".

Con respecto ao ano pasado,  caeron os casos de violencia anotados. "Baixou o número total –agresións contra o patrimonio, negacións de servizos–, pero as agresións directas mantivéronse, un dato preocupante".

Máis da metade destas agresións adoitan ser insultos e perto do 22% concentran violencia física e verbal. Segundo explica Ana G. Fernández, a maioría destes episodios teñen lugar na vía pública, seguida do ámbito doméstico e de lecer.

ALAS A Coruña atende persoas de toda Galiza, nomeadamente da Coruña e da súa contorna. "A xente que chega a nós vén dun contorno laboral, familiar e educativo moi complicado, as máis das veces, de violencia. O perfil das nosas usuarias é moi complexo e esta complexidade urxe recursos, necesarios tamén para acabar coa precariedade crecente das traballadoras do servizo.