Cae o teito dunha consulta do ambulatorio da Guarda por eivas no mantemento

Protesta convocada hoxe pola CIG. (Foto: Nós Diario)
O accidente non causou ningunha vítima porque ese espazo está sendo empregado só na quenda de mañá. Porén, hai malestar entre o persoal porque xa pedirá en varias ocasións que se fixera unha reforma integral.

A consulta 11 do centro de saúde da Guarda, no Baixo Miño, desprendeuse na tarde desta terza feira dando lugar a un suceso que puido acabar en traxedia, mais por sorte non había ninguén na sala afectada. Fontes ás que tivo acceso Nós Diario explicaron que foi sobre ás 16 horas cando se viu abaixo o teito deste espazo dun ambulatorio que, afirman, está en malas condicións. 

O derrubo decorreu nun momento no que o espazo está baleiro pois só se emprega para a atención aos doentes na quenda de mañá. Alias, coa pandemia, este espazo quedou reservado para a atención a enfermas e enfermos con doenzas respiratorias e que poderían dar positivo por Covid-19. 

Fontes próximas ao centro de saúde denuncian que, de ter estado dentro, a parte que se viu abaixo podería ter matado ou ferido de importancia a alguén. No cadro de persoal hai un especial malestar porque ao seu entender este accidente podería terse evitado. 

Segundo puido saber este xornal, as e os traballadores levaban moito tempo solicitando arranxos e reparacións na infraestrutura porque, sempre segundo as súas impresións, hai problemas estruturais que poñen en perigo a toda a comunidade sanitaria (non só a doutoras e o resto de traballadoras do ambulatorio senón tamén ás e aos pacientes). 

Cambio na xestión

Até 2018, mais ou menos, o inmoble era propiedade do Concello da Guarda, que tamén o xestionaba e que en 2016 se queixaba de ter uns gastos de mantemento de 55.000 euros, sobre todo para a limpeza. No entanto, logo pasou a estar en mans da Xunta. No proceso de cambio de propiedade arranxáronse algunhas eivas como pingueiras que estaban detrás de varios curtocircuítos

Tamén se puxo en mellores condicións a fachada, que sufrira varios desprendementos de lousas pola parte na que queda situado o Punto de Atención Continuada (PAC). Era algo que as e os médicos, enfermeiros e demais persoal tiñan case normalizado porque era habitual ver caer fragmentos da parede exterior ao chan. 

A edificación data do ano 1993 polo que os materiais de construción hoxe en día son outros e tamén pasaron os anos deteriorando o centro de tal forma que sería axeitado acometer a solicitada “reforma integral”. Polo momento, só se comunicou que as obras para repoñer o teito da consulta 11 comezarán ao longo da xornada de mañá. En consecuencia, as 8 médicas e médicos -dos que a diario traballan catro ou cinco- terán que reorganizarse sen o consultorio.