Sanidade dá por solucionado o erro que provocou a caída do sistema informático do Sergas

A web do Sergas, caída.
A Consellaría apunta a un pico de tensión na rede e desbota un posíbel ataque informático. A normalidade empezou a recuperarse, aos poucos, de madrugada.

Un pico de tensión afectou na tarde e noite desta terza feira a central de procesamento de datos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) provocando a caída de todo o seu sistema informático. O persoal médico non puido expedir receitas nin consultar o historial médico dos seus pacientes, entre outros trámites. Tamén caeu a páxina web do Sergas.

Segundo confirmaron fontes da Consellaría de Sanidade citadas pola axencia Europa Press, a orixe do fallo foi un problema no sistema eléctrico, un pico de tensión, que afectou a central de procesamento de datos ao fío das 18 horas de hoxe. Descartan nestes momentos, polo tanto, un hackeo ou algún tipo de ataque informático.

A partir da madrugada comenzouse co restabelecemento dos sistemas, que foipaulatino,após horas en que estiveron inactivos os accesos de diferentes servizos a historias clínicas dos pacientes, receitas ou tramitación de baixas, así como a propia web institucional.

O groso da actividade sanitaria ordinaria prodúcese de mañá, antes da caída do sistema, mais este feito tivo igualmente especial incidencia en servizos de Urxencias e emerxencias e PAC, centros de saúde con actividade de tarde e 'vacinódromos', onde estes días están a administrarse as vacinas contra a Covid e a gripe.