Desartellada en Santiago unha rede criminal que obrigaba mulleres a prostituírse

Os cartos e bens comisados na operación. (Foto: Policía Nacional)
A Policía Nacional comisou 40.000 euros en efectivo, unha máquina contadora de billetes, catro vehículos de alta gama, 16 gramos de cocaína e numerosos teléfonos móbiles, entre outros bens.

A Policía Nacional vén de deter en Santiago de Compostela oito persoas, membros dunha organización criminal, ás que se lle imputan varios delitos relativos á prostitución, tráfico de drogas, contra os dereitos das traballadoras e branqueo de capitais. Segundo informa a Policía, as pescudas comezaron o pasado ano, cando se tivo coñecemento de que nun 'clube de alterne' da capital galega estaban a obrigar mulleres a prostituírense, utilizando para iso coaccións, ameazas e chegando, nalgún caso, ás agresións físicas.

Nunha primeira fase da investigación púidose detectar que a citada organización criminal quedaba con "gran parte do pagamento polos servizos, xerando grandes beneficios para os xefes da organización". Tamén se comprobou que os encargados do clube vendían sustancias estupefacientes.

Conforme avanzaba a investigación púidose comprobar o "alto nivel de vida" que levaban os xefes grazas aos elevados beneficios que obtiñan da prostitución e o tráfico de drogas, branqueando o diñeiro obtido na adquisición de numerosas propiedades tanto no Estado español como fóra.

Xa na fase final da investigación púxose en marcha un amplo dispositivo policial, coordinado pola Brigada de Estranxeiría de Santiago e no que participaron distintas unidades de Policía Nacional de Santiago e Madrid.

Finalmente procedeuse á detención de oito persoas, realizándose un rexistro no clube onde se exercía a prostitución e en catro domicilios dos principais investigados, logrando intervir 40.000 euros en efectivo, unha máquina contadora de billetes, catro vehículos de alta gama, 16 gramos de cocaína e numerosos teléfonos móbiles, entre outros bens.

Os detidos pasaron xa a disposición xudicial a través do Xulgado de Instrución número 2 de Santiago, decretándose o ingreso en prisión dos tres principais responsábeis do grupo criminal.