Cae unha parede do cemiterio de Barreiros deixando varios féretros á vista

Igrexa de San Cosme en Barreiros (Foto: Diócese de Mondoñedo).
Descoñécense o momento e as causas últimas do derrube da parede, que deixou ao descuberto varios féretros e algunha caveira, pero a rexedora apunta a que as choivas puideron formar bolsas de auga e afectar a estabilidade da estrutura.

Veciñanza do municipio de Barreiros (A Amriña) avisaron esta sexta feira do derrube dunha parede do cemiterio de San Cosme, que "vén sendo problemática desde hai moitos anos", segundo explicou a a alcaldesa, Ana Ermida.

Descoñécense o momento e as causas últimas do derrube da parede, que deixou ao descuberto varios féretros e algunha caveira, pero a rexedora apunta a que as choivas puideron formar bolsas de auga e afectar a estabilidade da estrutura.

A alcaldesa tamén manifestou que o Bispado de Mondoñedo-Ferrol, propietario e responsábel do cemiterio, "non tivo noticias" do estado do cemiterio até unha reunión que mantiveron en 2020, despois de que desde o Concello encargasen un informe arquitectónico.

"Nós, cando vimos que avanzaba en perigo, valamos unha zona por cuestións de seguridade e seguimos mantendo conversas co Bispado", explicou Ermida, en referencia a unha zona do cemiterio con perigo de derrube para dentro.

Tamén declarou ter constancia de que hai en marcha "cuestións técnicas" no Bispado, co que falou esta mañá e o cal "xa empezou" coa identificación dos propietarios para facer os trámites administrativos necesarios.

Avisos previos

A alcaldesa apuntou que os primeiros avisos ao Bispado "foron no 2020", co inicio do seu goberno, a pesar de que xa se sabía do mal estado do cemiterio "desde polo menos 2011" cando, segundo lle manifestou un veciño, "desviáronse as obras dun gasoduto por risco de facelas alí".

"A situación do cemiterio vén de moitos anos atrás, neste verán tamén se creou unha comisión veciñal para contactar co propio bispo", expuxo Ermida, que considera unha "mágoa" que non se puxesen en marcha antes as accións necesarias.

Así mesmo, explicou que non teñen competencias na materia pero que poñen "a disposición" do Bispado a axuda necesaria.