A incesábel caída demográfica: en 2022 descenderon 2,2% os nacementos

No que vai de ano producíronse 12.117 nacementos. (Foto: Nós Diario)
Pola contra, en outubro deste ano foron 3% máis que no mesmo mes de 2021.

A Galiza rexistrou 1.308 nacementos o pasado mes de outubro, o que supón un crecemento de case 3% en comparación cos 1.270 bebés contabilizados no mesmo período de 2021, segundo os datos publicados esta cuarta feira polo INE.

No que vai de ano, o país rexistrou 12.117 nacementos, isto é, 2,2% menos que nos dez primeiros meses do exercicio previo. Por circunscricións, todas elas aumentaron o número de nacementos en outubro.

En concreto, na Coruña contabilizáronse 559 nenos, mentres que en Pontevedra, 488, e en Lugo, 151. Ademais, en Ourense naceron 110 bebés no décimo mes do ano.

En termos globais, no conxunto de 2022, só Lugo rexistra aumentos, con 1.433 nenos, o que se traduce en 7,03% máis. Pola súa parte, Ourense é a que máis cae, con 1.111 bebés, 6,82% menos. Séguena Pontevedra (4.382 bebés; -3,35%) e A Coruña (5.191 nenos; -2,52%).

A nivel estatal contabilizáronse até 28.262 nacementos en outubro (-6%) e 273.930 nenos e nenas no que vai de ano (-2,13%).

Así as cousas, o número de defuncións na Galiza ascendeu até 31.900 mortos no que vai de 2022, sempre segundo os datos do INE. A nivel estatal, até finais de novembro contabilizáronse 422.657 persoas falecidas.

Menos de 2,7 millóns

Estes datos preséntanse un día despois de que a última revisión do Padrón municipal evidenciase que a Galiza fechou 2021 con 2.689.152 habitantes, aínda por baixo do ansiado limiar de 2,7 millóns.