Santiago de Compostela

Cae un muro lindeiro no barrio compostelán de Fontiñas e o Concello ordena paralizar unhas obras

O muro caído en Fontiñas. (Foto: Nós Diario)
Non houbo que lamentar danos persoais.

A caída dun muro medianeiro que facía de límite entre os números 9 e 11 da rúa do Coto, no barrio compostelán de Fontiñas, desprendeuse á primeira hora da mañá desta sexta feira sen deixar danos persoais. Após ter coñecemento do sucedido, o Concello de Santiago ordenou paralizar as obras que se realizaba no solar lindeiro —o número 11—, tal e como confirmou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, tras visitar a zona.

Os feitos ocorreron pasadas as 6 horas da mañá e, nese momento, había unha familia no primeiro piso da vivenda afectada que non sufriu ningún dano. Iso si, tivo que ser desaloxada a outro domicilio duns familiares e por agora non poderán acceder ao inmóbel, segundo informan fontes municipais citadas pola axencia Europa Press.

Ao longo da mañá, visitaron os solares afectados técnicos de Inspección e Disciplina Urbanística, que emitiron un informe coa "paralización inmediata" dos traballos, trasladou a alcaldesa ao mediodía.

A Administración local tamén ordenou encher o oco que favoreceu o desprendemento do muro até a planta baixa, para así "asegurar a estabilidade" da edificación afectada. Unha vez certificado que as deficiencias se corrixiron, os residentes poderán volver ás súas casas.

A rúa do Coto permanecerá cortada ao tráfico e só poderán transitar por ela os residentes e usuarios dos garaxes desa mesma zona. Iso si, estará prohibida a circulación xusto no ángulo onde se están levando a cabo as obras.