Cae a idade media nas UCI aos 43 anos

UCI do Hospital Clínico. (Foto: Europa Press)
A idade media das persoas ingresadas nas Unidades de Coidados Intensivos dos hospitais galegos cae a 43 anos. Deuno a coñecer na mañá da sexta feira Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza.

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, pediu na mañá desta sexta feira, durante a inauguración do novo centro de saúde de Narón, "un esforzo especial de 10 semanas aos mozos" para poder "vencer ao virus" no marco da pandemia pola Covid-19.

"O virus segue connosco", subliñou Feixoo en declaracións aos medios, "e as infeccións están a incrementarse exponencialmente", principalmente na poboación nova. Así mesmo, asegurou que as Unidades de Coidados Intensivos atenden menores de 40.

"A idade media de todos os ingresados en UCI (que no último parte do Sergas ascende a 14) é de 43 anos, algo inaudito na primeira, segunda e terceira ondas, onde a idade media case duplicaba a actual", comentou o mandatario.

Sanidade non fai públicos os datos por idades

As idades dos ingresados descoñécense, pois a Consellaría de Sanidade non fai publicos os datos de hospitalizacións por idade.

Feixoo volveu culpar o Ministerio de Sanidade da falta de vacinas, "lamentabelmente non son suficientes para vacinalos a todos de forma simultánea".

"Pido un esforzo especial de 10 semanas para os mozos, aos que pedimos desculpas por non poder vacinalos como consecuencia da ausencia de vacinas", sostivo. "Pido un esforzo", insistiu, "para que se coiden, para que non se contaxien, para que non teñan que estar corentenados e para que non contaxien os seus avós e os seus pais, porque, aínda que os seus avós e pais estean vacinados, non significa que cubra o 100% do risco", avisou.

Ademais, o presidente da Xunta subliñou que hai inmunizados que "teñen unha porcentaxe, menor pero real, de volver contaxiarse" e apostou por alcanzar o 90% de poboación vacinada para lograr a inmunidade.

"Estou convencido de que, se facemos un esforzo, poderemos saír ao final do outono nunha situación de certa calma", apuntou antes de reiterar a súa mensaxe aos máis novos, "os que levan dous veráns con restricións, a xente que máis interactúa socialmente, o futuro do país", para pedirlles "unhas semanas de compromiso".