Cae en Burela outra ponte de integración a través do ensino

Alumnas e alumnos de incorporación recente durante unha visita a unha exposición de Davila con Virxinia Lama o curso pasado

​No IES Perdouro de Burela deixan de ofrecer este curso o programa de atención á diversidade que daba acubillo a rapazas e rapaces inmigrantes, principalmente caboverdianos, que continúan a chegar coas súas familias á vila. A dirección do centro di que non existe demanda, os docentes -que levan tempo afondando nun modelo de integración social- ven na medida unha perda inxustificada e lembran a axuda que prestaron estes anos ao alumnado estranxeiro que ía camiño da exclusión social.

“Cando me dixeron que ía a Burela de inmediato pensei: gueto”, confesa Virxinia Lama, integradora social que traballaba na Cruz Vermella en Ourense xusto cando recibiu a chamada para se integrar no programa de atención á diversidade no IES Perdouro. Estivo seis meses con rapazas e rapaces de entre 12 e 18 anos que, coma ela, acababan de chegar. Hoxe anda por Dodro nunha substitución “dunhas semanas”. Cousas da ensinanza. “Inda non fixen a lectura do que foi aquela experiencia en Burela. Eu estudara na carreira o Modelo Burela. Pero podo dicir que me sinto afortunada. E mira, ás rapazas e rapaces ás que por idade se lles pechaban as portas do ensino secundario podían presentarse ás probas de acceso a ciclo medio, fixérono… e non, non aprobou ningún… pero dous estiveron moi cerca: para ser esas nenas e nenos ‘cuasi analfabetos’, nin tan mal!”.

 

O Modelo Burela naceu en 2004 como “unha intervención educativa destinada á transformación dos usos lingüísticos habituais tanto na comunidade escolar como no seu ambiente social máis inmediato”, explica Bernardo Penabade, docente no IES Perdouro e animador de Proxecto Neo, un programa de radio local que tamén é parte do Modelo. “Durante catro anos fixemos un intenso traballo de campo e en 2008 asumimos a responsabilidade de coordinar a redacción do Modelo Burela de Planificación Lingüística, que foi aprobado por unanimidade polo pleno municipal. Nos tres anos seguintes, a nosa intervención educativa asumiu a responsabilidade de orientar as actuacións do concello en materia lingüística. Esta situación modificouse en 2011 co cambio de goberno local”.

 

Porén, o Modelo non morreu. Seguiu vivo desde xaneiro de 2012 na radio e nas aulas. No 2014, un grupo de docentes convenceron a dirección do Perdouro de pór en marcha un servizo para axudar á integración do alumnado estranxeiro que continúa a chegar á vila. Entre eles estaba Penabade. Fora un plan avalado por recoñecementos internacionais en materia de normalización. O programa de atención á diversidade continuaría esa traxectoria recollendo premios nos anos seguintes.

 

25% do alumnado

 

Burela é unha vila que medrou en aluvión grazas ao mar e que desde hai catro décadas, “desde 1977 exactamente”, precisa Penabade, vén recibindo inmigrantes de Cabo Verde. A colonia actual chega ás 600 persoas nunha poboación de dez mil habitantes. No Instituto, 20% de alumnado naceu fóra e 5 por cento pertence á segunda xeración, uns oitenta alumnos e alumnas. Os problemas son recorrentes. As nenas e nenos que chegan veñen con niveles baixos de escolarización ou directamente sen escolarizar, acceden a un sistema educativo que non coñecen nin comprenden, “desde o máis básico, por exemplo, que é un horario”, explica Lamas, e as barreiras que impoñen a pobreza e o idioma. “Tivemos algún caso de nenos que xa empezaran a traballar e ao vir para Galiza volveron á escola”.

 

O programa de atención á diversidade deu acubillo a doce mozas e mozos no ensino obrigatorio e a outras catro no bacharelato o curso pasado. O programa arrancara dous anos antes sen horas específicas, coma un ensaio. No curso seguinte, o de 2015-16, catro docentes dedicaron catro horas semanais cada un a atender este alumnado. Eran profesores de Historia, Lingua, Matemáticas e Bioloxía que acompañaban a rapazas e rapaces, para que aprendesen “a facer números e coñecesen o que é un mapa antes de ensinarlles xeografía”, conta Penabade. Tamén compartían clases noutras materias e actividades extraescolares co resto do alumnado no grupo ordinario que lle correspondera.

 

No 2016-17 o programa consolidouse. Pasou a estar dotado con tres medias xornadas. Virxinia dedicaba a metade do traballo a este grupo de mozas e mozos inmigrantes. “Basicamente traballamos temario de 1º e 2º de ESO, o que máis levaba aquí inda non levaba un ano cando eu entrei. Viñan da nada… e logo está o idioma, un crioulo que non ten escrita, pero é fácil comprender e facerte entender se tes o ánimo preciso. A esas idades son esponxas e adquiriron algunhas competencias como ler, facer cálculos, escribir ou manexarse nas tecnoloxías dixitais”. Virxinia estivo desde setembro de 2016 até despois do Entroido. En xaneiro chegaran dúas nenas, as últimas en se incorporaren. O primeiro que facía con todas era ensinalas a situarse. “Xeografía aplicada, comezando polo próximo, Burela, Galiza, España, Europa…”. Un mapa de primeiros auxilios no entorno escolar; “una ponte”, di Virxinia, “para este novo mundo”.

 

Coexistencia pacífica

 

Unha ponte que acaba de se fechar de súpeto. Este curso o programa de atención á diversidade desaparece do IES Perdouro. “Non temos alumnado que o necesite. Algúns seguen no ensino ordinario, outros marcharon para outros centros, outros abandonaron os estudos”, explica Santiago Pérez, director do Instituto. “Por se acaso, por se veñen alumnas ou alumnos con esas necesidades, temos solicitada a segunda profesora de pedagoxía terapéutica”.

 

“Non hai alumnado porque non hai programa”, opina Bernardo Penabade, que pensa que a Delegación Territorial de Educación optou por cancelar o programa –as tres medias xornadas­– porque outros centros apreciaban un trato desigual polo esforzo que se estaba deitando no Perdouro. “A ANPA era favorábel ao programa, en Burela non se pode falar de integración, pero como deixou acreditado a socióloga Lucía Oca, temos unha coexistencia pacífica, e mesmo hai unha concelleira de inmigración, Anxélica Gomes, de procedencia caboverdiana”.

 

Dos doce nenos e nenas que se beneficiaron do programa o curso pasado, dous dos máis novos pasaron á FP básica, outros dous ao ensino para adultos, un regresou a Portugal, e sete ficaron agrupados no Pemar, un programa para persoas “de fracaso escolar continuado” que, con sorte, deriva na FP. Dos catro maiores, un abandonou os estudos e os outros tres pasaron ao ensino para adultos.

 

“É un fracaso, claro que si”, lamenta Virxinia Lama. O Modelo Burela perde. O IES Perdouro perde. “Xa non haberá docentes especializados en ensinar doutra maneira en función da procedencia do alumnado, variando os contidos, con flexibilidade no uso das linguas”, lamenta Bernardo Penabade. “Son pobres”, di Virxinia, “e iso sempre é un problema para acceder á educación”. “Hai certos tabús”, asume Bernardo, que seguirá loitando polo Modelo Burela desde as ondas que busca normalizar os usos do galego e facilitar a inclusión social. Tendendo pontes. “Teño pendente facer esa reflexión, do que pasou, por que pasan estas cousas?”, di Virxinia. Por que se derruban pontes?

 

 

Foto de Bernardo Penabade no interior do texto: A integración pasaba por compartir materias e actividades extraescolares coas alumnas e alumnos dos cursos ordinarios.