Cadea de protestas ao plan de volta ás aulas

Protestas dos sindicatos contra o protocolo da Xunta (Arxina)
Os sindicatos do ensino convocan esta mañá en Compostela (11.30 horas) a segunda das mobilizacións en contra do protocolo deseñado pola Consellaría de Educación para adaptar o inicio do curso escolar ás circunstancias que impón a Covid-19.

A Xunta publicábao, con mínimas modificacións, o pasado día 23, na mesma xornada na que familias, docentes, estudantes e persoal dos centros se concentraban por centos diante de San Caetano para amosar a súa oposición ao documento e reclamar a súa retirada e unha nova redacción consensuada coa comunidade educativa, na que se inclúan medidas como a contratación de persoal, docente e non docente, e a redución de alumnado por aula, coas que poder ampliar as distancias mínimas nos centros para reducir o risco de contaxios.

Nesta ocasión, as organizacións convocantes –CIG, UXT, CCOO e ANPE– chaman a formar unha cadea humana que arrodee a sede da Xunta en San Caetano, nun acto simbólico co que "confinar" o protocolo dentro da Consellaría que se acompañará, de novo, dunha cazolada na que facer notar o rexeitamento aos plans da Xunta para a volta ás aulas.

Non será o único acto do día en contra do protocolo: en Cangas, o Consello Escolar Municipal en pleno convoca, ás 21 horas, un novo acto de protesta diante do Concello para exixir a negociación dun protocolo que garanta a saúde do alumnado, mentres que en Vigo, a Federación de Nais e Pais de Alumnado da comarca, Foanpas, chama as familias a escenificar na rúa (20  horas, en Urzaiz) unha aula nas condicións que estipula o protocolo da Xunta, dentro do seu calendario de mobilizacións en contra da planificacion do Goberno galego, elaborado en contacto coa Confederación de Anpas Galegas, Confapa e outras federacións de nais e pais.

Comparecencia no Parlamento

Mais a oposición ao documento non chega unicamente desde a comunidade escolar. O BNG e o PSOE rexistraban onte unha petición conxunta para solicitar a comparecencia da conselleira en funcións de Educación, Carmen Pomar, na Deputación Permanente do Parlamento galego para dar explicacións sobre o protocolo e a súa aplicación nos centros de ensino do país. 

Nunha comparecencia pública, a deputada electa nacionalista Olalla Rodil, portavoz parlamentaria de Educación na pasada lexislatura, lembrou a oposición xeneralizada que suscita o plan da Xunta, que "deriva a responsabilidade aos centros educativos e non prevé nin contratación de persoal nin medios para a súa implantación". 

"É necesario máis investimento público e que o protocolo vaia acompañado de orzamento porque a Consellaría pretende aplicar medidas a custo cero, sen contratar máis docentes nin reducir a ratio de estudantes por aula, como recomendan as institucións sanitarias internacionais", denunciou Rodil, quen critica ademais que o Goberno galego estea recomendando que limitar as reunións familiares ou de ocio a 25 persoas, "pero vexa normal ter 30 estudantes nunha aula durante horas".

Na mesma liña, o deputado electo do PSdeG Luis Ávarez reclamou onte un "marco estábel, seguro e dotado dos recursos humanos e materiais necesarios" para o inicio do curso e tamén para os servizos complementarios de comedor e transporte e emprazou a Xunta a "deixar de repartir responsabilidades e sinalar ás demais Administracións e aos centros escolares para afrontar a súa responsabilidade de Goberno".

Na Coruña, tamén a Marea Atlántica demandou do Goberno galego "os fondos necesarios para que a volta ás aulas sexa segura desde o punto de vista sanitario e para impedir que os centros de ensino se transformen en focos de rebrotes", fronte a un protocolo que pretende aplicarse "a custo cero" e deixando "toda a responsabilidades aos centros". 

Igualmente, a Marea de Vigo posicionouse onte contra a "imposición" do protocolo sen negociación algunha coa comunidade educativa. "De nada vale estabelecelo de forma unilateral sen dotalo nin de orzamento nin de persoal, deixando coma sempre nas mans da comunidade educativa e das familias cuestións tan relevantes como a garantía de comedor escolar para todo aquel alumnado que así o precise", advertiu. 

Na plataforma Change.org, unha petición particular leva recollidas máis de 6.100 sinaturas para exixirlle á Xunta "saúde nas escolas" e demandar que asuma as súas responsabilidades na política educativa galega.

Brión, contra o fechamento da unitaria da Luaña

A corporación municipal de Brión vén de emitir un comunicado conxunto no que insta a Xunta da Galiza a "adoptar as medidas precisas" para garantir a continuidade da escola unitaria da Luaña de durante o curso 2020-2021, "con independencia do número de alumnas e alumnos matriculados". 

Con esta reclamación, únese á acción das cinco familias que solicitan unha moratoria á aplicación da normativa que fixa en seis o mínimo de escolares neste tipo de centros, en atención á situación sanitaria "excepcional" e á falta de recintos para a socialización de menores nesta parte do municipio. 

Para os grupos municipais, a supresión da unitaria suporía "dar as costas" a un modelo educativo de proximidade e eliminar "un dos poucos servizos que axudan a fixar poboación no rural". A corporación apela tamén á cuestión sanitaria e á masificación que suporía para o CEIP que recibiría este alumnado. 

Este posicionamento súmase ao da comunidade educativa de Brión –as ANPA da escola de Sabaxáns, a dos Ánxeles e a dos CEIP de Pedrouzos e Brión, ademais das familias da Luaña–, que tamén se pronunciou contra a decisión de fechar a unitaria, denunciando que os criterios da Xunta "priorizan o economicismo fronte ao dereito constitucional de protección da saúde das crianzas".

Tamén o BNG censurou onte, por boca da deputada electa Olalla Rodil, a situación deste centro.

Ademais, na Coruña, familias do CEIP Salgado Torres están a recoller sinaturas en contra da decisión da Consellaría de Educación de fechar unha unidade de educación infantil por non alcanzar, por un, o mínimo de 25 matrículas.