A cadea perpetua encuberta

Cárcere Teixeiro

Derrogar ou ampliar a prisión permanente revisábel. Eis os dous escenarios que se presentan para a polémica medida, incorporada en 2015 no Código Penal, e que volveu esta semana ao centro do debate político. Só houbo un único condenado a esta cadea perpetua encuberta e foi na Audiencia Provincial de Pontevedra. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respeito no Sermos Galiza 289.

Dous anos despois da súa entrada en vigor, a proposición de lei presentada polo PNV co fin de tombar a prisión permanente revisábel conta co apoio do conxunto da oposición política, agás de Ciudadanos, que nun cambio de postura decidiu apostar xunto ao Partido Popular por sumar novos tipos a esta figura penal. Detrás, dous millóns de sinaturas a favor de endurecer as penas contra os delitos máis graves, fronte á opinión de centos de catedráticas e catedráticos e xuristas que consideran que se trata dunha condena cruel e ineficaz, ademais de contraria á propia lexislación española e europea. Á espera do Tribunal Constitucional, que desde 2015 ten pendente resolver o recurso presentado polas forzas políticas, o PP e Ciudadanos aproveitan a súa maioría na Mesa do Congreso para saltaren a súa minoría na cámara. Pero, que supón en realidade a prisión permanente revisábel?

 

“Máis ben o seu efecto é simbólico. Conséguese rachar cunha cuestión que até o de agora era tabú no Estado español, que é o de falar da cadea perpetua. Pódese dicir que a cadea perpetua xa existía, pero non levaba ese nome. Que unha persoa pase 36 anos en prisión, que é o triste récord da democracia española, non pode cualificarse doutro xeito que de cadea perpetua”, explica David Soto, profesor de Dereito da USC e membro de Esculca, en declaracións a Sermos Galiza.

 

“O Código Penal español antes da reforma xa era especialmente duro. E esa dureza foise incrementando nos últimos anos por unha dupla tendencia, a de aumentar a gravidade das penas e a de asegurar o cumprimento íntegro das condenas. Pois ben, cunha condena de prisión permanente, unha persoa pode conseguir saír do cárcere aos 25 anos, mentres que hai xente condenada antes da reforma que terá que cumprir até 40 anos de prisión efectiva”, apunta Soto.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 298, á venda na loxa e nos quiosques[