Unha cadea humana rodea o centro de saúde do Seixo para pedir a fin dos recortes

(Foto: CIG)

Tras a eliminación do segundo médico deste centro de Marín, o único que queda ten que atender 2.200 persoas.

Numerosos veciños e veciñas tomaron parte este domingo no Seixo, Marín, na cadea humana convocada para denunciar os recortes na sanidade pública e exixir medios humanos e materiais.

Unha mobilización, segundo os convocantes, “para defender coas nosas propias mans o consultorio médico e reclamar unha atención sanitaria digna”.

Dende a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, sinala a CIG, denuncian que dende que hai tres meses o Sergas deixou o consultorio sen segundo médico un só facultativo ten que atender 2.200 persoas.

Ademais, a enfermeira contratada remata o 1 de novembro, polo que sospeitan que quedarán tamén cunha única enfermeira “se non cobren a praza como aconteceu co médico”.

Como consecuencia dos recortes, lamentan, o tempo de espera para unha consulta médica aumentou, chegando aos 20 días de demora, “a pesar dos esforzos do persoal”.

Como consecuencia dos recortes, lamentan, o tempo de espera para unha consulta médica aumentou, chegando aos 20 días de demora, “a pesar dos esforzos do persoal”.

Neste senso, lembran que antes do 15 de xullo non había listas de espra no consultorio, ao tempo que advirten que se a Xunta non contrata o persoal necesario a situación irá a peor no centro de saúde de Seixo e haberá máis colapso e saturación en Marín. En definitiva, resumen, “peor asistencia sanitaria para toda a veciñanza”.

Centos de persoas manifestáronse este 12 de agosto diante do Concello de Marín, ao tempo que decorría o pleno municipal no que se votou unha moción da plataforma, para denunciar os recortes na atención clínica en Seixo e exixir que se fagan “as contratacións de persoal necesarias no Centro de Saúde por parte da Xunta”.