Unha cadea humana reivindica en Compostela a liberdade de presas e presos independentistas

A cadea humana percorreo o casco histórico de Compostela (Foto Galiza Contrainfo).
A cadea humana previa ao Día da Patria que organiza Ceivar volveu demandar a liberdade das e dos presos independentistas. Este colectivo leva quince anos, coincidindo co 24 de xullo, realizando esta mobilización que percorre rúas e prazas da capital da Galiza.

O organismo popular antirepresivo Ceivar realizou este domingo en Compostela unha cadea humana para reivindicar a liberdade das presas e os presos independentiastas da Galiza.

A iniciativa ten lugar cada ano, desde hai quince, coincidindo co día anterior ao Día da Patria Galega quince anos. A mobilización partiu da arrodear a céntrica Praza Galiza da capital para despois percorrer varias rúas do casco histórico para rematar na Praza do Pan onde tivo lugar un acto político coa lectura de dous manifestos, un redactado polas presas e presos e outro pola propia organización.

Situación das presas e presos

“Agora mesmo hai cinco independentistas presas, catro delas en Teixeiro e outra na Lama”, lembran desde Ceivar, “Miguel García, Antóm García e Asunción Losada atópanse en Teixeiro e foron xulgados e en xaneiro deste ano pola Audiencia Nacional con peticións fiscais elevadísimas, nesa mesma cadea está Roberto Rodríguez”, concretan. En todo caso sinalan que “todos están en segundo grao, unha novidade”. No caso da Lama explican que está Eduardo Vigo.

O feito de que estean na Galiza evita “percorrer centos de quilómetros para estar 40 minutos de visita” mais a pandemia fixo que se endurecera a súa situación. “Deixaron de dar permisos para facer ‘vis a vis’ e se o facías pasabas a estar quince días fechado sen saír, unha situación dramática”, apunta.

Nos traslados durante a pandemia tamén tiñan que pasar por uns módulos de ingresos “sen ter ningunha pertenza persoal”.

Manifestos

No manifesto de Ceivar lembraron a súa fundación en 2003 como organización de “denuncia activa contra os recortes de dereitos fundamentais” polo que foi  “colocouse na diana da represión española”.

Após facer un percorrido polos seus obxectivos denunciaron que “o Estado español non é unha democracia”. Esta organización critica que eleve “o gasto en defensa en 1.000 millóns de euros, cando se prepara con toda a maior das probabilidades un dos escenarios a nivel social e económico de maior recorte e retroceso en dereitos en décadas”.

“A Ceivar non lle corresponde facer análises políticas máis alá do ámbito antirepresivo”, engaden, “mais estará ao lado das perseguidas, da verdade”, conclúen.

No manifesto redactado polo colectivo de presas e presos independentistas, pola súa parte, aseguran que “o Dia da Patria non é para nós unha rutina anódina no calendario de consumo de efemérides, senón un ritual que alimenta a nosa comunidade nacional de resistencia”. Aseguran que “a rutina debilítanos, o ritual fainos mais fortes”.

Reafírmanse en que “estas xornadas patrióticas sirvan para deixarlle claro ao Estado Imperialista español que Galiza non se rende, nin se compra, nin se vende”.