Achan un cadáver na ría de Vigo após atopar un vehículo estacionado, sen ninguén dentro, en Rande

Vista aérea da ponte de Rande. (Foto: Nós Diario)
As autoridades investigan a identidade desta persoa e as causas do suceso.

Varios medios foron mobilizados nas últimas horas para localizar un home na contorna da ponte de Rande, entre Moaña e Vigo. Os equipos de emerxencias foron alertados da presenza dun vehículo parado na infraestrutura, nun dos carrís sentido Vigo, sen ninguén dentro, o que provocou a alarma.

Desta maneira, a central de emerxencias do 112-Galiza, que recibiu o aviso pasadas as 4.30 horas desta madrugada, activou un dispositivo que incluíu profesionais sanitarios do 061, Salvamento Marítimo, coa embarcación Salvamar Mirach; Gardacostas da Galiza, que participou co helicóptero de rescate Pesca I; axentes da Garda Civil de Tráfico e da Garda Civil, que desprazaron até o lugar unha lancha de rescate; a Policía Local de Moaña, e os operarios de conservación da autoestrada AP-9, que transcorre pola ponte.

Tras varias horas de procura, á primeira hora da mañá desta quinta feira outro particular contactaba co 112-Galiza para informar do achado do corpo dun home flotando nas proximidades da ponte de Rande. Finalmente, os servizos de emerxencias procederon á recuperación do corpo e as autoridades policiais xa investigan a identidade da persoa e as causas do suceso.