Achan no Porriño o cadáver dunha muller con signos de violencia oculto tras un contedor

Axentes policiais recollendo mostras no lugar no que apareceu o corpo da muller. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
O corpo estaba oculto entre uns colectores e o muro dunha leira no polígono das Gándaras, perto das instalacións da ITV. A Policía, que non desbota ningunha hipótese, céntrase na posibilidade dun asasinato machista.

A Garda Civil investiga a aparición do cadáver dunha muller, con signos de violencia, oculto tras un contedor perto das instalacións da ITV no polígono das Gándaras, no Porriño (comarca de Vigo). Segundo informaron fontes da Garda Civil e do 112, o achado produciuse sobre as 17 horas desta quinta feira. O corpo estaba oculto entre uns colectores e o muro dunha leira. Outras fontes citadas pola axencia Europa Press, aliás, precisaron que o corpo tiña aparencia de ser "depositado" alí.

A muller está sen identificar, pero o corpo presenta signos de morte violenta. Un transportista que parou na zona decatouse de que había algo detrás dos contedores e, tras descubrir o corpo, el e outros viandantes enseguida chamaron a Emerxencias e acudiron a pedir axuda a un taller próximo. Ata o lugar desprazáronse efectivos do 061, axentes da Policía Local e da Garda Civil, que se fixeron cargo da investigación. A zona está acordoada nestes momentos.

A muller, que apareceu vestida con roupas escuras e sen documentación, está aínda sen identificar e aparentaba "uns 40 anos". Con todo, non hai denuncias por mulleres desaparecidas na provincia de Pontevedra.

Contra as 18.30 horas chegou á zona tamén a comisión xudicial -o xulgado que está de garda no Porriño é o de instrución 3- para realizar o levantamento do cadáver, que foi trasladado pasadas as 20,h nun vehículo dunha empresa funeraria de Vigo.

Atopada por un condutor

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, tamén estivo no lugar e, ademais de trasladar a súa consternación polo achado, confirmou que o corpo da muller foi localizado por un transportista, condutor dunha furgoneta, que se detivo a falar por teléfono e viuno. Esta testemuña e outros viandantes acudiron a un taller que se atopa enfronte para alertar do achado e enseguida contactaron con Emerxencias.

Tras o levantamento do corpo, membros do equipo de criminalística estiveron realizando a inspección ocular do lugar onde foi localizado, así como das inmediacións, realizando fotografías e tomando vestixios que poidan axudar á investigación. Todo iso axudados por uns potentes focos instalados no lugar e por lanternas, xa que a falta de luz a esas horas da tarde dificultou as tarefas.