Unha de cada vinte persoas sofre depresión na Galiza: Máis que a media estatal, pero con cadros "máis leves"

A Galiza ten unha ratio de 3,5 psicólogos por cada 100.000 habitantes, moi inferior á media estatal. (Foto: Nós Diario).
A Galiza foi a segunda autonomía do Estado español cunha maior taxa de persoas que falecen por suicidio por cada 100.000 habitantes.

O psiquiatra do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol Daniel Núñez Arias asegurou que a Galiza “conta con máis persoas” con depresión que a media do Estado español, aínda que os “cadros depresivos son máis leves”.

Así o deixa patente os datos recollidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 2021. Neste sentido, a Galiza foi a segunda autonomía do Estado español cunha maior taxa de persoas que falecen por suicidio por cada 100.000 habitantes.

Núñez Arias e outras persoas expertas participaron no foro virtual ‘Depresión e Suicidio’. Un encontro telemático no que se puxo de evidencia que, segundo os datos da Enquisa Europea de Saúde de 2022, "a porcentaxe de poboación que sofre depresión na Galiza é de 5,54%".

Mortes por suicidio

O xefe do Servizo de Psiquiatría da área sanitaria de Vigo, o doutor José Manuel Olivares, explicou que 90% das persoas que morre por suicidio teñen antecedentes dunha enfermidade mental tratábel.

No foro, os expertos coincidiron na necesidade de visibilizar e falar de suicidio. "Durante décadas oímos que falar diso é incitar e non é verdade. Falar de suicidio protexe", asegurou o doutor Núñez Arias.

Por outra parte, os datos do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) constatan que 331 persoas faleceron por suicidio en 2021. En canto ao perfil, o "máis repetido" é o dun home entre 50 e 80 anos, e lamentaron que "se observa un incremento no número de adultos novos e mulleres".

"O suicidio é un fenómeno complexo e multicausal, pero unha fórmula eficaz para abordalo e diminuír a curva é fomentar, a través de estratexias de promoción da saúde mental, a resiliencia aos factores de estrés e o correcto tratamento dos trastornos mentais", explicou a coordinadora de Saúde Mental da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, María Tajes.