Cada vez máis aulas afectadas polo coronavirus

O alumnado de Infantil e Primaria comezou o curso a semana pasada (Arxina).
Pasada unha semana desde o inicio do curso en Infantil e Primaria, e en vésperas de que comece o de Secundaria, Bacharelato e FP, o coronavirus comeza a ter impacto xa nas aulas dunha vintena de centros de ensino galegos, cun único abrollo coñecido e múltiples casos puntuais entre o alumnado e o persoal que, polo momento, xa causaron o fechamento dun colexio e obrigaron a impoñer illamentos noutros 22. Familias e profesorado seguen demandando que as medidas de protección, como o distanciamento e a redución de ratios, se apliquen por igual en todas as etapas educativas.  
 

Unha semana despois de que as crianzas iniciasen a volta ás aulas de Infantil e Primaria, son xa máis dunha vintena os centros do país con casos positivos de coronavirus.

Se a pasada cuarta feira, a Xunta facía balance da incidencia da enfermidade na actividade educativa e daba conta de 11 aulas e un centro de ensino fechados por mor da Covid-19 e un total 29 persoas contaxiadas, menores en 50% dos casos, nas últimas horas o número de centros con alumnado afectado ou en illamento duplicouse, até, polo menos, os 23, segundo vén informando Europa Press

Así, na Coruña cinco colexios manteñen corentenas após a  confirmación de cinco casos de Covid-19 nas súas aulas, con varias liñas educativas en illamento, en concreto o CEIP Rosalía de Castro –neste caso, polo positivo dunha profesora–, o Fernández Latorre e o Ramón de la Sagra, onde dous irmáns deron positivo. 

En Vigo, unha aula completa do colexio Salesianos está en illamento polo positivo dun dos seus estudantes e tamén se rexistrou un caso na escola infantil Labaca. En Ourense, sete menores están en corentena tras detectarse un caso nun curso de Primaria do Colexio Marista Santa María e tamén se rexistraron outros dous casos no Divina Pastora Franciscanas e Santo Ángel. Ademais, unha coidadora do colexio Mestre Vide resultou afectada pola enfermidade, se ben non foi necesario realizar medidas restritivas entre o alumnado.

Unha escola infantil de Compostela, a de Salgueiriños, confirmou un caso, que puxo baixo seguimento 13 menores e seis educadoras que foran contactos estreitos da pequena e, en Pontevedra, o colexio Calasanci0 tivo que fechar a principios de semana, e iniciar a actividade telemática, tras detectarse un foco con oitos casos. 

Non son os únicos. Os novos positivos están a interferir en escolas infantís e colexios de Boiro –na Galiña Azul de Praia Xardín–, Cambre, Carballo, Cee, a Unitaria de Dodro –que tivo que fechar polo caso rexistrado– ou Lalín, onde o contaxio dunha coidadora que ía na ruta do bus escolar forzou a implantar corentenas entre o alumnado de dous colexios, o Xesús Golmar e o Vicente Arias de la Maza.

As escolas infantís de Marín e Negreira, o CEIP Outeiro das Penas en Cesantes, Redondela, o Magaláns e O Cruceiro de Vilalonga, ambos os dous en Sanxenxo, a escola infantil do concello de Vilaboa e o CEIP San Francisco Javier de Vilagarcía, onde 24 menores e unha docente manteñen corentena polo positivo dun alumno de Infantil, son, polo momento, os centros onde tamén o coronavirus está a dificultar a actividade lectiva. 

Concentracións e folga

Desde que, no mes de xullo, a Xunta deu a coñecer as primeiras directrices para adecuar o novo curso escolar ao contexto sanitario que marca o coronavirus, a comunidade escolar no seu conxunto leva advertindo da "falta de seguridade" que os protocolos do Goberno galego levarían ás aulas e reclamando unha diminución do alumnado por aula para reducir tamén o risco de contaxio. 

Tras dous actos de protesta nese mes e un calendario de mobilizacións para setembro impulsado polos sindicatos CIG, CCOO, STEG e CSIF, a Consellaría de Educación modulaba, o último día de agosto, as súas directrices, para ampliar até 1,5 metros as distancias nas etapas educativas superiores. 

A medida non afecta, porén, a Infantil e Primaria, onde a asunción do modelo dos "grupos de convivencia estábel" –as chamadas aulas burbulla– elimina as limitacións de distancia interpersoal co argumento de favorecer a socialización das crianzas e de que estes grupos funcionarán de forma estanca, sen interaccións co resto de alumnado, nin dentro nin fóra do centro. 

A exixencia duns criterios unitarios de seguridade en todos os chanzos da educación, con distancias homoxéneas para todos os cursos, é unha das reclamacións que leva estes sindicatos docentes a manter a convocatoria dunha segunda xornada de folga –a primeira tivo lugar o día 10– para o día 23, malia as concesións, in extremis, da Xunta, de distanciamento e persoal docente.

Esta quinta feira, 17 de setembro, o Diario Oficial da Galiza daba a coñecer os servizos mínimos que ese día obrigan o groso do persoal a acudir ao seu posto durante o paro, tal como xa ocorrera na anterior convocatoria e avalara o Tribunal Superior de Xustiza. 

Máis alá destas protestas, son múltiples os casos de nais e pais que están a reclamar desdobres nas aulas do seu colexio para reducir o número de menores por clase, que está fixado en Primaria en 25.

Así, na Coruña, a ANPA de Novo Mesoiro demandou, sen éxito, perante Educación poder separar unha aula empregando un recinto baleiro do centro. Familias do CEIP Praza de Barcelos, en Pontevedra, iniciaron esta semana as protestas contra a decisión da Xunta de fechar, no medio da pandemia, unha das aulas de cuarto de Infantil e agrupar 23 menores na mesma aula e en Melide, o alumnado de terceiro de Primaria do CEIP número 1 non se incorporou á aula en demanda de máis espazo para as crianzas.

Instrución sobre instrución

Pasada a data oficial do inicio de curso para a Secundaria, Bacharelato e FP, a Consellaría de Educación publicou esta quinta feira, 17 de setembro, a orde pola que se oficializa o adiamento do comezo das clases nestas etapas até os días 23, 24 e 25, unha decisión que o novo conselleiro, Román Rodríguez, vinculaba esta semana aos cambios introducidos polo Goberno estatal, malia que a Xunta ten a competencia en materia educativa e que non foi até o 31 de agosto cando publicou o seu protocolo definitivo para a adaptación da volta ás aulas no contexto da Covid-19, emendado aínda estes días coas últimas instrucións. 

O profesorado que, segundo anunciou a Xunta a pasada quinta feira, se incorporará en Secundaria para reforzar os cadros e permitir desdobres para reducir a ratio nas aulas –847 docentes– tomará posesión do seu posto o vindeiro día 22, 24 horas antes do inicio das clases nalgunhas etapas, segundo confirmaba o Diario Oficial da Galiza (DOG).

A publicación serve tamén para plasmar as medidas adiantadas polo titular de Educación na Xunta após a reunión co comité clínico. Nelas pasa a incluírse a posibilidade de empregar anteparos, barreiras transparentes, para separar o alumnado "que garantan a protección individual" no caso de que non se cumpra a medida de 1,5 metros de distancia interpersoal que o propio protocolo admite agora como a medida que deberá aplicarse con carácter xeral. 

O uso destas separacións foi moi contestada pola comunidade escolar cando, hai unha semana, distintos centros de ensino comezaron a recibir comunicacións da Inspección Educativa nas que se abría a posibilidade do seu uso para reducir as distancias de seguridade na aula. 

Como reiteraba a CIG, sindicato maioritario na educación galega, a adopción deste sistema é "a peor das solucións desde todos os puntos de vista", pola "falsa sensación de seguridade" ante unha creba da recomendación das principais organizacións sanitarias, que pautan unha separación mínima de 1,5 metros, e polas dificultades de limpeza e xestión de espazos que suma para os centros.

"Menos mamparas e máis profesores" foi unha das consignas que se puido escoitar nas concentracións convocadas hai dous días pola CIG, CCOO, STEG e CSIF e secundadas por amplos sectores da comunidade escolar.

Na súa orde, a Consellaría de Educación dá tamén sustento á posibilidade de que o ensino se realice, "excepcionalmente", en réxime de semipresencialidade en Bacharelato, FP e as ensinanzas en réxime especial (Conservatorios e outras formacións artísticas oficiais e escolas de idiomas).

É, como no caso das barreiras de separación, outro dos mecanismos que se trasladou aos centros como alternativa para reducir a distancia interpersoal que fixa o protocolo.

A Xunta regula agora que deberá facerse de forma rotatoria, "con formación presencial para o alumnado que colla na aula ou no taller e a distancia, ou simultánea, para o resto do alumnado do grupo, debendo o centro estabelecer unha rotación do alumnado do grupo nos dous tipos de formación".

Para as organizacións sindicais convocantes das mobilizacións contra a Xunta e por unha educación "presencial e segura", a alternativa da semipresencialidade debe ser, segundo advirten desde CIG-Ensino, o "último recurso e só naqueles centros nos que non haxa espazos para desdobres" e non unha solución arbitraria.