Unha de cada seis persoas no mundo sofre infertilidade, afirma a OMS

Unha muller embarazada, nunha imaxe de arquivo. (Foto: UGR / Europa Press)
A infertilidade, definida pola imposibilidade de lograr un embarazo tras 12 meses ou máis de relacións sexuais regulares sen protección, distribúese de maneira homoxénea en todo o mundo.

17,5 por cento da poboación adulta a nivel mundial, aproximadamente 1 de cada 6 persoas, sofre infertilidade, segundo un informe da Organización Mundial da Saúde (OMS) publicado esta terza feira e que analizou un total de 133 estudos entre 1990 e 2021.

Segundo o documento, que recolle as primeiras estimacións de prevalencia da infertilidade realizadas pola OMS en máis dunha década, hai unha "urxente necesidade de aumentar o acceso a unha atención da fertilidade alcanzábel e de alta calidade para quen a necesita".

En calquera caso, o informe non aclarou se a infertilidade está en aumento ou non. "As estimacións anteriores realizadas pola OMS en 2012 non mostraron ningunha tendencia cara a un aumento das taxas de infertilidade. Así que non atopamos esa evidencia no noso informe e non podemos, baseándonos nos datos que temos, dicir que a infertilidade está a aumentar ou é constante", detallou en rolda de prensa desde Xenebra (Suíza) o xefe de Anticoncepción e Fertilidade da OMS, James Kiarie.

Ante esta "persistente falta de datos en moitos países e algunhas rexións" sobre a infertilidade, os expertos da OMS reclamaron "unha maior dispoñibilidade de datos nacionais desagregados por idade e por causa para axudar a cuantificar a infertilidade, así como para saber quen necesita atención en materia de fertilidade e como se poden reducir os riscos".

O estudo tampouco dividiu os datos sobre infertilidade entre homes e mulleres debido a esa falta de cifras, pero o doutor Gitau Mburu instou a non discriminar a ningún sexo. "Non é unha cuestión de mulleres. É posíbel e moi común que ambos os sexos, homes e mulleres, contribúan ao problema da infertilidade. E tamén sabemos que en xeral se culpa ás mulleres. De feito, eu diría que se culpa desproporcionadamente ás mulleres de non concibir nas parellas", afeou.

A infertilidade, definida pola imposibilidade de lograr un embarazo tras 12 meses ou máis de relacións sexuais regulares sen protección, distribúese de maneira homoxénea en todo o mundo.

Ademais, as taxas son comparábeis nos países de ingresos altos, medios e baixos, o que indica que se trata de "un importante reto sanitario" a escala mundial. En concreto, a prevalencia é de 17,% nos países de ingresos altos e de 16,5% nos de ingresos baixos e medios.

"O informe revela unha verdade importante: a infertilidade non discrimina. A enorme proporción de afectados pon de manifesto a necesidade de ampliar o acceso á atención da fertilidade e de garantir que esta cuestión deixe de quedar á marxe da investigación e as políticas sanitarias, de modo que quen o desexe dispoñan de medios seguros, eficaces e alcanzábeis para alcanzar a paternidade", comentou o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus.

"Custos financeiros devastadores"

O informe alerta de que, a pesar da magnitude do problema, as solucións para a prevención, o diagnóstico e o tratamento da infertilidade, incluída a tecnoloxía de reprodución asistida, como a fecundación in vitro (FIV), "seguen estando infrafinanciadas e son inaccesíbeis para moitos debido aos elevados custos, o estigma social e a limitada dispoñibilidade".

De feito, a OMS apunta que na maioría dos países os tratamentos de fertilidade fináncianse en gran medida con fondos propios, o que "a miúdo se traduce en custos financeiros devastadores".

"Os habitantes dos países máis pobres gastan unha maior proporción dos seus ingresos en tratamentos de fertilidade que os dos países máis ricos. Con frecuencia, os elevados custos impiden ás persoas acceder a tratamentos de infertilidade ou, pola contra, poden catapultalas á pobreza", lamentaron os expertos da OMS.