Unha de cada tres persoas adolescentes da Galiza é vítima de acoso escolar

Alumnado dun instituto galego (Foto: Arxina).
Na Galiza a taxa estimada de vitimización do acoso escolar sitúase en 33,7%.

Unha de cada tres persoas adolescentes da Galiza sofre acoso ou o exerce. Unicamente 3,5% recoñece que pasa por esta situación, no caso do ciberacoso a porcentaxe é menor, de só 1,6%. Na Galiza a taxa estimada de vitimización do acoso escolar sitúase en 33,7%, segundo os datos de Unicef. Esta cifra inclúe as vítimas agredidas e as vítimas agresoras, de feito, máis da metade dos que sofren acoso tamén o exerce.

En ciberacoso, a taxa de vítimas alcanza 21,8%, sendo maior o de vítimas agresoras (11,3%) maior que o de vítimas agredidas (10,5%).  Tanto nos casos de acoso escolar como de ciberacoso reflíctese unha baixa consciencia das persoas adolescentes sobre os seus actos. Moitas admiten levar a cabo estas conductas que en ocasións non son recoñecidas como tal.

Unicef revelou estes datos do seu estudo Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia. Relacións, riscos e oportunidades polo Día internacional contra a violencia e o acoso na escola, incluído o ciberacoso, esta quinta feira. Co obxectivo de mellorar os datos e previr a violencia nos centros escolares, a ONG pediu ás administración educativas mobilizar os recursos necesarios.

A organización sinalou que os centros escolares "teñen unha función protectora fundamental para o desenvolvemento da infancia". Para asegurar dita protección para crianzas e adolescentes, a ONG recalcou que é necesario activar a figura do Coordinador de Benestar e Protección nos colexios. Segundo o especialista en Educación de Unicef, Óscar Belmonte, esta figura “debe garantir unha resposta institucional do centro fronte á violencia”.

Segundo a lexislación, esta resposta contra o acoso e  a violencia debe ser "preventiva, integral e coordinada". Ademais, os centros escolares deben impulsar accións en tres áreas: normativa, para que o labor dos coordinadores dependa dun desenvolvemento adecuado das súas funcións e condicións; formativa, dotando de formación específica aos coordinadores e xenérica a toda a comunidade educativa, e de datos, coa posta en marcha dun rexistro censual de información sobre a violencia contra a infancia e a adolescencia que permita coñecer a magnitude do problema e abordalo de maneira coordinada.

Unicef traballa para estabelecer un marco escolar seguro, coas medidas xa mencionadas e outras como o programa de Centros Referentes en Dereitos de Infancia, a formación do profesorado para fomentar a integración dos dereitos da infancia ou o desenvolvemento de guías formativas para comprender a violencia contra crianzas e adolescentes.