Unha de cada tres mulleres galegas sofre ou sufriu violencia machista

Mural realizado por presas do cárcere da Lama (Europa Press).
Un 35,7% das mulleres galegas foron vítimas de acoso sexual e un 33,9%, isto é, unha de cada tres, sufriron violencia por parte da súa parella ou ex parella. Son datos extraídos da Macroenquisa de Violencia contra a Muller 2019 que presentou onte o delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada.
 

Un 35,7% das mulleres galegas foron vítimas de acoso sexual e un 33,9%, isto é, unha de cada tres, sufriron violencia por parte da súa parella ou ex parella. Son datos extraídos da Macroenquisa de Violencia contra a Muller 2019 que presentou o delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada.

O obxectivo do estudo pasa por coñecer a porcentaxe de mulleres de 16 ou máis anos que sufriron ou sofren actualmente algún tipo de violencia polo feito de seren mulleres. A nivel estatal, segundo informou Losada.

O 35,7% de mulleres galegas que declararon sufrir acoso sexual nalgún momento da súa vida e que corresponde a máis de 498.000 galegas, sobe ao 40,4% a nivel estatal, porcentaxe que representa máis de 8 millóns de mulleres. En cambio, a porcentaxe do 33,9% de mulleres galegas que sufriron ou sofren violencia por parte da súa parella ou ex parella, e que atinxe máis de 473.000 mulleres, sitúase por riba do 14,2% estatal, que representa case 3 millóns de mulleres. En termos explicativos, a porcentaxe galega duplica a estatal por moito.

Entre as galegas que foron vítimas de violencia machista, un 27,6% manifesta sufrir violencia psicolóxica, un 24,1% refire violencia emocional, un 16,2% desvela violencia física ou sexual, un 14,1% foi ou é vítima de violencia económica e un 6% foi vítima de comportamentos de control nos últimos 12 meses.
O acoso reiterado afectou ou afecta un 17,9% das galegas, por encima do 15,2% global que representa a 3,1 millóns de mulleres. Case o 60% das vítimas deste tipo de acoso padeceuno cunha frecuencia semanal ou diaria.

A sexta macroenquisa contou con 549 entrevistas na Galiza e un total de 9.568 no conxunto do Estado e engadiu módulos de acoso sexual e acoso reiterado, ademais de ampliar o vinculado á violencia sexual fóra da parella. Participaron da sondaxe 237 mulleres galegas ocupadas e 312 non ocupadas. Por idade, 64 atópanse na franxa de idade de 16 a 29 anos; 129 sitúanse entre 30 e 44 anos; 189, entre 45 e 64 anos e 164 contan con 65 ou máis de 65 anos.

Rachar coa violencia

Denunciar a violencia, buscar axuda nalgún servizo formal ou falar do sucedido con alguén da contorna (nai, amiga, pai, etc.) incrementa en todos os casos as posibilidades de acabar coa relación violenta. Segundo a enquisa, aínda que só se facilitaron datos globais e non desagregados por territorios, o 81,9% das mulleres que denunciaron ou buscaron axuda formal ou informal pola exercida por parellas pasadas, romperon a relación. Porén, a porcentaxe descende até o 49,6% entre as que nin denunciaron nin buscaron axuda formal ou informal. 

"Aínda que en termos estritos non pode falarse de relación de causalidade si que parece que calquera tipo de actuación no sentido de compartir o sucedido repercute positivamente na saída da violencia", afirmou o Ministerio de Igualdade, que salienta a importancia de difundir información sobre recursos dispoñíbeis e de facer boas campañas de sensibilización.

Unha nova estratexia para o período 2021-2025

Igualdade anunciou a semana pasada que comezará o proceso de elaboración da nova Estratexia para Combater as Violencias Machistas (2021-2025), para poder garantir o dereito de todas as mulleres a vivir unha vida libre de violencias.

Os datos achegados pola sondaxe, a máis relevante que se realiza no Estado español sobre a temática, poñen de manifesto o carácter estrutural da violencia machista. A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero é o órgano encargado da súa elaboración desde o ano 2011.

Após facer públicos estes datos, Javier Losada animou os concellos a crearen mesas locais de coordinación fronte á violencia machista e a se adheriren ao Sistema Viogén.