Un de cada cinco fogares galegos carece de acceso a internet de alta velocidade

As instalacións de fibra óptica custan dez veces máis nas zonas rurais da Galiza que nas cidades. (Foto: Europa Press)
O informe do CES mostra datos sobre a fenda dixital e a fuga de talento.

Unha quinta parte dos fogares galegos aínda non contan con acceso a Internet de alta velocidade. Así o recolle o informe do Consello Económico e Social da Galiza (CES) que mañá se presenta  en Vigo e que leva por título A Galiza 2030: unha dixitalización 4.0 para unha sociedade 5.0. O estudo, coordinado polo catedrático de Organización de Empresas da Universidade de Vigo Xosé H. Vázquez, ofrece datos dos últimos anos sobre a fenda dixital que experimenta a poboación galega.

O informe sinala que o índice de cobertura de rede en 2021 atópase "lixeiramente por enriba de 80%" na Galiza. As zonas rurais son as que máis sofren a fenda dixital, segundo indica o estudo, que, asegura, “levan protagonizando dous anos o despregue da rede de fibra óptica, logo de que as empresas operadoras remataran as infraestruturas nas sete grandes cidades e nos concellos máis poboados”. 

Isto débese a que ás empresas operadoras privadas non lles compensa economicamente avanzar no despregue de rede no rural ante as complicacións técnicas nas instalacións polas condicións xeográficas, así como por condicionantes sociais.

A baixa densidade de poboación e o envellecemento das persoas residentes nas zonas rurais provoca que a instalación da rede non resulte unha prioridade á hora de que as empresas gañen novos usuarios e usuarias, sobre todo tendo en conta a ausencia de programas de apoio público ao investimento nestas instalacións. 

A instalación de cableado no rural é 10 veces máis caro

Nesta liña, o informe recolle que pór os cables de fibra óptica no medio rural “ten un custo que chega a multiplicar por dez o das cidades” cun prezo aproximado de “10 millóns de euros por cada 30.000 vivendas conectadas”. 

Esta contraposición entre as urbes e as zonas rurais obsérvase en maior medida na comparación entre a costa galega e o interior. Mentres que o eixo litoral se achega “a 100% da conectividade”, na faixa oriental existen "illas" de cobertura de fibra óptica, tanto “nas vilas máis habitadas, en pequenos núcleos situados na súa contorna e nos parques empresariais”. 

O estudo engade que “no resto do medio rural, as alternativas para acceder a Internet pasan por outras tecnoloxías, como a conexión móbil e o satélite”. Segundo os datos da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais de 2021, recollidos no informe do CES, a Galiza representa 9,5% das zonas brancas existentes no conxunto do Estado español.

Enténdese por zona branca NGA (Next Generation Access) as áreas xeográficas que carecen de cobertura mínima de 30 megabits por segundo e que poden optar á concesión de axudas públicas. Só o rural de Lugo concentra 12.859 zonas brancas, das 21.144 que presenta a Galiza e das 222.685 existentes no Estado.

Ante esta situación, o estudo sostén que o “Internet avanzado é unha das principais ferramentas nas zonas rurais para procurar alternativas de futuro ante a perda de veciñanza e de servizos básicos como os sanitarios, educativos, ou bancarios”. Así, sen conexións NGA, “a loita contra o despoboamento e as fendas dixitais no rural atopan máis obstáculos”.