Descoñécese a orixe de 55% dos casos

Un de cada dous positivos da Covid-19 escapa ao control dos rastrexadores

Punto de cribado con tests de antíxenos na Mariña, unha das zonas máis afectadas pola pandemia (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A trazabilidade dos casos confirmados da Covid-19 non está a ser efectiva na Galiza. Así o demostran os datos oficiais e o testemuño de diferentes persoas que baten contra un sistema de rastrexo saturado, con resposta tardía e sen medios para afrontar o aumento da incidencia. A Primaria segue a cargar o peso.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comparece nesta terza feira ante o pleno do Parlamento da Galiza para dar conta das medidas adoptadas para afrontar a quinta vaga da Covid-19 e, en especial, dúas cuestións sobre as que as e os profesionais veñen alertando nos últimos días: a saturación da Atención Primaria e o mal funcionamento do sistema de rastrexo de positivos.

Hai dous indicadores da pandemia que evidencian esta situación: a taxa de positividade das Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) e a trazabilidade dos casos. O primeiro fica hoxe, segundo os datos máis recentes da Consellaría, en 15%, triplicando o limiar recomendado de 5% após varias xornadas consecutivas por riba de 10%, o que supón que a transmisión vírica está descontrolada no país. O segundo fai referencia á identificación das cadeas de transmisión, isto é, facer un trazado efectivo dun positivo e todos os seus contactos estreitos.

Esta cifra actualízaa cada semana o Ministerio de Sanidade, e, con base no último informe publicado, a trazabilidade na Galiza é de 45%. En consecuencia, máis da metade dos contaxios notificados non están controlados, xa que se descoñece a súa orixe e a cadea de transmisión pode seguir operativa.

Servizo saturado

Este xornal tivo acceso a diferentes testemuños que acreditan o colapso do sistema de rastrexo habilitado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Un deles é o de David, un mozo vigués de 35 anos que na segunda feira 19 de xullo entregou nunha farmacia unha proba PCR de saliva cando un amigo co que estivera uns días antes nunha terraza deu positivo. "Hoxe aínda non obtiven o resultado", lamenta.

Preocupado, na terza fixo un test de antíxenos e, dado que foi positivo, preguntou no centro de saúde como debía proceder. Convocárono ao día seguinte no Hospital Álvaro Cunqueiro para ratificalo cunha PCR, cuxo resultado non soubo até a sexta feira. Até aquel intre, ninguén o contactara desde a central de seguimento de casos.

Tampouco comezaran falar cos seus contactos estreitos, aos que el mesmo, por prevención, instou a se autoconfinar. "Non queremos xerar alarma cunha proba de antíxenos até que non se confirma por PCR", dixéronlle desde o sistema de rastrexo, unha cuestión que David non comprendeu: "Se o test de antíxenos serve para a hostalaría, por que non para diagnosticar?".

Algo semellante aconteceu con Xabier (23 anos), Pablo (24) e Samantha (23), compañeiros de piso en Compostela que na pasada sexta feira deron positivo nun test de antíxenos e acudiron ao número do Sergas habilitado para estes casos. Após tomarlles os datos, dado que só a rapaza presentaba un cadro sintomático agudo, foi a única citada para unha PCR ese mesmo día, previa cita co seu médico de cabeceira. A proba resultou positiva.

"Nós chamamos varias veces insistindo en que nos citasen, mais o único que nos dicían era que ficásemos illados [fixérano desde a sexta feira por precaución] porque os antíxenos xa acreditaban o contaxio, e que se nos atopabamos mal chamásemos ao 061. Tiñamos dúbidas sobre que facer cos contactos estreitos, xa que non nos deran ningunha instrución", explica Pablo.

Finalmente foron convocados a unha PCR o domingo, após notificar a aparición de síntomas ao seu médico. "Logo de varias chamadas infrutuosas, a última hora desta segunda feira dixéronme que constaba como positivo, mais ninguén mo tería notificado de non contactar eu. Parece mentira que teñamos que ir nós tras eles", critica.

David, pola súa banda, incide na "total descoordinación" do servizo: "A unha persoa coa que tivera contacto estreito chamárona aos dez días do meu positivo para dicirlle que remataba a súa corentena... Cando ninguén lle notificara antes que debía facela. E a outra coa que estivera o mesmo día, dixéronlle que tiña que alongar o confinamento outros catro días por mor da variante Delta e someterse a unha PCR, mais tampouco llo advertira ninguén previamente".

"Levo seis días confinado na casa, seis agardando pola chamada da médico de cabeceira. Non me fai seguimento ninguén, non teño a baixa médica, convócanme para a segunda vacina este sábado... Cando será a próxima PCR? E os pasos a seguir? A xestión do Sergas é nula", expón outro rapaz, Pablo, residente na Coruña.

A Primaria, sobrecargada

"A xente chámanos rebotada, e é lóxico, porque isto parece un vacile. Eu teño que mandar os pacientes facer as PCR, ver se é negativa, facer seguimento dos positivos que están na casa... A Atención Primaria está saturada e á Xunta non lle importa, fan 'política de telexornal'", afirma o portavoz de SOS Sanidade Pública e médico en Outes Xosé María Dios.

A madrileña Abai Group, adxudicataria do rastrexo

Fontes da Consellaría consultadas por Nós Diario desbotaron aclarar a cifra exacta de rastrexadores cos que actualmente conta o Goberno galego. Con todo, a Xunta vén de adxudicar o contrato para un sistema de rastrexo estábel, o primeiro da pandemia —até o de agora tratábase de contratos temporais de emerxencia— á sociedade madrileña Abai Group SA, a través da súa filial Extel Contact Center SAU.

A oferta presentada obtivo unha menor puntuación por parte do persoal técnico de Sanidade que a súa competidora —31,4 puntos fronte aos 44,6 da coruñesa Universal Support SA—; porén, a proposta económica decantou a balanza a favor da empresa con sede en Madrid, con prezos inferiores. O contrato será anual e o seu custo total estímase en perto de 13,8 millóns de euros.