Cada día navegan fronte ás costas galegas 35 barcos con mercadorías perigosas: “Moitos deles non cumpren a normativa europea”

Barco para transporte de gas metano. (Foto: Europa Press)
40.000 barcos pasan ante a costa da Galiza cada ano e un de cada tres con materiais perigosos.

En 2002, ano do desastre do Prestige, circularon polo Corredor de Fisterra 12.446 buques que transportaban materias perigosas, denominación que engloba produtos como hidrocarburos, gas, materiais tóxicos ou produtos corrosivos, entre outros. O 'erro' en só un deles -0,008% do total- provocou un dos maiores sinistros marítimos de Europa, unha marea negra qe tiguiu as costas galegas e provocou importantes danos ambientais e económicos. 

Nestes últimos anos a media é de arredor de 12.000 barcos con cargamento de risco que navegan fronte ás nosas costas. Buques que, como denunciaban desde hai tempo colectivos da defensa do medio ambiente como a Plataforma en defensa da Ría de Arousa, entre outras, son "bombas de reloxaría potenciais".

Non hai que esquecer que por #Finisterre pasa o 70% do transporte marítimo europeo (máis de 764.000 buques nos últimos 20 anos), dos que un de cada tres transporta combustible e substancias perigosas.

O biólogo e investigador Xaquín Rubido, 'Xocas' (Pontevedra, 1951) lembraba en conversa con Nós Diario con motivo do 20 aniversario do Prestige que “moitos dos buques con mercadorías perigosas teñen bandeiras de conveniencia e non cumpren a normativa europea".

“Temos un problema estrutural. Pasa un volume de tráfico moi importante fronte ás nosas costas, xa desde o punto de vista do número de buques mais tamén da cantidade de toneladas que levan de carga. Como consecuencia da globalización e dos intereses económicos por conseguir unha maior eficacia e máis beneficio, os buques portan máis carga, co cal, hai que falar tamén da cantidade de toneladas de mercadorías perigosas, porque o perigo é evidente”, explicaba.

Rubido afirmaba que “moitos destes buques non tocan portos da UE e non están obrigados a cumprir a normativa europea. A existencia de bandeiras de conveniencia, que son as que teñen aqueles buques nos que a bandeira de pavillón non coincide coa bandeira do Estado, tense incrementado. Estes buques están menos regulados, menos controlados, pagan menos taxas, poden contratar tripulacións menos formadas e, por tanto máis baratas... e todo iso afecta á seguridade. Estudos académicos asocian as bandeiras de conveniencia a un maior risco de accidente.

Este biólogo apelaba a un informe da ONU sobre tráfico marítimo que “revela que o 42,8% da capacidade de carga mundial está en mans de buques con bandeiras de conveniencia. Dunha maneira pedagóxica, adoito explicar que as bandeiras de conveniencia son ao tráfico marítimo o que os paraísos fiscais son ao diñeiro”.