Seis de cada dez mozas mantiveron relacións sexuais sen desexo, para "compracer" a súa parella

Os datos recólleos un estudo do Instituto das Mulleres. (Foto: Europa Press)
Un estudo elaborado polo Instituto das Mulleres recolle esta cifra, que a ollos da directora da entidade, Antonia Morillas, "demostra como se segue a perpetuar que o desexo propio sexa considerado como un elemento secundario".

Cando menos 57,7% das mozas residentes no Estado español mantiveron algunha vez relaciones sexuais "sen gana" coa intención de "compracer", ou como "sacrificio" cara á outra persoa, segundo recolle un estudo realizado por Sigma Dos para o Instituto das Mulleres presentado esta terza feira. A xuízo da directora deste organismo, Antonia Morillas, esta cifra demostra "como se segue a perpetuar que o desexo propio sexa considerado como un elemento secundario", fronte á "idea de dispoñibilidade ante o desexo da outra persoa".

O informe recolle a opinión dunha mostra de máis de 1.500 mozas de entre 18 e 25 anos. As participantes, alén de responderen un cuestionario, participaron nunha sesión de grupo na que profundaron nos diversos temas tratados neste traballo de investigación que leva por nome Dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres novas.

A través deste estudo recóllese que a idade media do inicio das relacións sexuais con penetración das mozas do Estado español está nos 16,5 anos, e en 72,3% dos casos prodúcese cunha parella. Aliás, 62% utiliza métodos anticonceptivos de forma xeneralizada.

"Cambios profundos" do feminismo

Con todo, esta xeración de mulleres busca unha 'deconstrución' desta chamada 'primeira vez' e reclama que non se limiten a considerar relación sexual unicamente aquelas que requiren de penetración. Este é un exemplo do que Morillas considera unha "ratificación" de que "o feminismo está a provocar cambios profundos nos discursos e as concepcións das mulleres novas", e "en particular sobre a sexualidade".

Segundo indicou, as mozas "desvinculan o sexo do amor" —64% das enquisadas—, "rachan coa heterosexualidade como norma" —18,5% recoñécense como bisexuais—, ou consideran a anticoncepción como unha cuestión de corresponsabilidade —66%—.

Entre estes datos, o informe tamén destaca que a maioría de mozas considérao un tema "importante" e que pasa por "falar e compartir experiencias". De feito, a maioría falan de sexo a diario ou, cando menos, unha vez por semana —46,7%—, fronte a 4,4% que non o fan nunca.

Aliás, a maioría rexeitan afirmacións como que o home sexa quen debe levar a iniciativa nas relacións sexuais —60%—, que eles sintan máis desexo que elas —76%— ou que se utilice o corpo da muller como obxecto —77%—.

Aborto e pornografía

Outras das preguntas que contestaron as participantes deste estudo son referentes ao aborto e a pornografía. No primeiro dos casos, o informe recolle que 5,7% interrompeu o seu embarazo, mentres que 43% recoñece recorrer á pílula do día despois. Neste senso, até 40% di sentir "apoio e axuda" por parte da parella diante dun feito como este, mentres que 10% asegura que non tivo o apoio de ninguén ou, pedíndoo, non o recibiu.

Sobre o acceso ao porno, o traballo determina que o primeiro contacto con el prodúcese aos 15 anos de media e o consumo é pouco habitual. De feito, case a metade das enquisadas di que o consome unha vez cada tres meses. Segundo o informe, esta situación pode deberse á mirada crítica das mozas cara a esta industria, xa que na súa maioría —52%— consideran que está concibida para o home.