En oito de cada dez fogares galegos non hai crianzas nin adolescentes

En 22% dos fogares do país habitan só maiores de 65 anos. Seis de cada dez mozos e mozas de entre 18 e 34 anos vive cos seus país.

En Galiza hai 1.061.680 fogares. En 32% deles viven parellas con fillos mentres que en case 22% corresponden a persoas que viven soas. No noso país hai máis de 241.000 moradas compostas por persoas de 65 ou máis anos (22,7% dos lares, unha porcentaxe que aumentou en 1,7% en apenas un ano).

 

En 814.716 fogares galegos, 76,74% do total, non reside ningún menor de 16 anos e 91,74 %  non conta con ningún menor de 5 anos. Os dados para a preocupación continúan: 63,14% dos mozos e mozas galegas de entre 18 e 34 anos vive cos pais. Dos que teñen entre 25 e 34 anos e que viven cos pais, 27,86%non ten ningún tipo de ingreso. Esta porcentaxe sobe ata 58,29% entre os mozos e mozas de 18 a 24 anos.

 

Na Galiza morren máis persoas das que nacen desde 1986. Porén, nos últimos anos a fenda entre nacementos e defuncións non fixo senón aumentar. A demógrafa do CSIC, Dolores Puga, lanza unha advertencia, "o cambio de réxime demográfico non vai volver atrás" polo que a poboación residente na Galiza non volverá medrar senón é "pola vía da inmigración". 

 

Segundo Puga, as estatísticas reflicten que Galiza se atopa nun "proceso de transición demográfica" cara á "sociedades máis lonxevas". Ora ben, de maneira acelerada por mor do éxodo masivo da poboación nova. E é que entre 2009 e 2015 Galiza perdeu máis de 142 mil persoas entre 16 e 35 anos. Neste senso, a demógrafa asegura que "o principal reto" é desacelerar o avellentamento poboacional, unha cuestión que pasa, di, por nos preocupar "polas condicións de vida". Así, antepón "vivenda" e "traballo" ademais de medidas que promovan a "conciliación" a calquera outra cuestión encamiñada ao incremento da natalidade. 

 

Para alén disto, Dolores Puga entende que o novo contexto demográfico reverterá, como xa o está a facer, no modelo de ocupación territorial galego. Actualmente, perto do 70% da poboación ocupa o 6% do territorio --fundamentalmente nas cidades e comarcas do eixo atlántico. 

 

Segundo as proxeccións de poboación a curto prazo elaboradas polo INE, Galiza perderá 230.722 habitantes no período 2016-2031, o que supón unha diminución de 8,5%. Ademais da baixada no número de habitantes, as proxeccións amosan un progresivo envellecemento da poboación. Así, en Galiza, a porcentaxe de persoas de 65 ou máis anos será de 31,3% en 2031.

 

O índice de envellecemento proxectado para 2031 de Galiza sitúase en 232,7%, o que significa que para esa data por cada 100 menores de 20 anos haberá no noso país case 233 maiores de 64 anos (en 2016 o indicador proxectado situouse en 153,7%).

 

As zonas máis envellecidas serán as situadas na área sur da provincia de Ourense e nas comarcas ourensanas limítrofes coa provincia de Pontevedra.