Seis de cada dez familias galegas chegan con dificultade a fin de mes

Máis de 476.000 fogares recoñecen que acaban o mes “con dificultades” e case 138.000 con “moita dificultade”. Nun de cada tres fogares de Galiza os seus ingresos proceden só de prestacións.

Seis de cada dez fogares de Galiza recoñecen que chegan a final de mes con dificultade ou con moita dificultade, segundo o informe publicado esta terza feira polo IGE. Un 58% das familias recoñecen esta situación, o que supón un aumento a respeito do ano anterior, en que a porcentaxe era do 57%. De cada 100 fogares galegos, 45 afirman que chegan a final de mes con “dificultade” e 13 con “moita dificultade”. Na outra cara da moeda, os 42 que afirman que acaban o mes con facilidade ou moita facilidade.

Así pois, hai 476.000 fogares no país que pasan dificultades para acabar o mes e 138.000 que pasan moitas dificultades. Esta radiografía do país que ofrece a 'Enquisa estrutural a fogares' tamén indica que nun 32% dos fogares os seus ingresos proceden só de prestacións. E para o 44,6% das familias as prestacións representan máis da metade dos seus ingresos.

Aliás, o 22% da poboación que vive en Galiza está en risco de pobreza ou exclusión social. Dase un incremento na poboación entre 50 e 60 anos de idade, mentres que entre os de máis de 65 anos baixa lixeiramente.