Seis de cada dez docentes da ESO non saben como actuar ante un posíbel caso de abuso sexual

63% dos profesores enquisados nesta tese da UVigo afirmaron non saber que facer nesa situación (Foto: AimPix).
A tese de doutoramento da pedagoga Rosa María Rúa, da Universidade de Vigo, afonda nesta cuestión.

A pedagoga Rosa María Rúa vén de presentar a tese de doutoramento Abuso sexual Infantil: detección e afrontamento por parte do profesorado de Educación Secundaria na Galiza, dirixida pola profesora Carmen Verde, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense da Universidade de Vigo (Uvigo).

"O obxectivo desta tese foi investigar se o profesorado de Educación Secundaria da comunidade autónoma de Galicia ten coñecementos e a formación suficiente sobre abuso sexual infantil, así como a súa capacidade de afrontamento na súa detección e notificación", apunta a autora, licenciada en Filosofía e Pedagoxía.

A experiencia do abuso sexual infantil, afirma, "é un suceso traumático e ten un carácter especialmente negativo para as vítimas por estar causado deliberadamente polas persoas que debían protexelos e non agredilos".

Na súa tese, Rúa empregou varias técnicas de investigación, explican desde a UVigo: "Unha revisión sistematizada para analizar de que forma se abordou o abuso sexual infantil na literatura especializada, entrevistas para obter valoracións expertas sobre a materia e un estudo realizado mediante un cuestionario a unha mostra de 478 profesoras e profesores de centros públicos e concertados de Educación Secundaria na Galiza".

O estudo, detalla, "arroxa unha porcentaxe moi baixa (37,3%) do profesorado" que afirma saber como actuar ante o abuso sexual a un menor de idade, o que indica que a meirande parte deste colectivo (63%; seis de cada dez) "non sabe como abordar a cuestión".

Os resultados reflicten que 85,8% das persoas participantes no cuestionario opinan que o profesorado pode contribuír a detectar o abuso sexual infantil, e 87,4% manifesta un total acordo no papel do centro educativo na protección do menor de idade fronte ao abuso sexual.

"Observamos un acordo unánime en sinalar o profesor como a persoa máis indicada de todos os profesionais do medio escolar para detectar que un menor está a ser abusado sexualmente", sostén a pedagoga, agora xa doutora pola UVigo.