Unha de cada tres denuncias xestionadas pola Valedora foron sobre sanidade

Miguel Santalices e María Dolores Fernández Galiño (Imaxe: Valedora do Pobo)

A pandemia disparou a actividade da Valedora do Pobo durante 2020, cun 28% máis de asuntos que en 2019, especialmente a partir do mes de marzo, cando a chegada do virus motivou a declaración do estado de alarma.

Desde ese 14 de marzo de 2020 no que foi declarado o primeiro estado de alarma para facer fronte á crise sanitaria até o 21 de xuño, día no que decaeu; a Valedora xestionou un total de 222 asuntos relacionados coa pandemia, case a metade do total de expedientes dese período.

Ademais, abriu 33 actuacións de oficio durante este período de confinamento que, unha vez superado, mantivo a tendencia á alza no número de asuntos tratados desde a institución, até o final dun ano 2020 que fechou con incrementos cuantitativos en todos os parámetros de medición da actividade.

Estes datos están recollidos na memoria anual de actividade da institución, que foi presentada en rolda de prensa pola Valedora, María Dolores Fernández Galiño, logo de facer entrega do informe ao presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices.

Así, os asuntos totais no ano foron 2.912, un 28% máis que en 2019, un incremento similar ao rexistrado no número de persoas que se dirixiron á Valedora para solicitar asesoramento, que creceu un 27% até os 7.526.

A sanidade, á cabeza

Na análise por áreas, destacan os asuntos vinculados á sanidade, que representaron o 12,44% (316) do total de expedientes xestionados. Situouse a continuación o emprego público (319, o 10,96%), inclusión social (316, o 10,82%) e aquelas relacionadas coas administracións locais e os servizos municipais (266, o 9,11%).

Así, a Xunta foi un ano máis a administración á que máis se tivo que dirixir a institución, con máis do 57% das actuacións totais polo 40% dirixido aos concellos, mentres que deputacións, universidades, corporacións públicas ou mancomunidades apenas suman o 2% do total de asuntos.

En canto aos departamentos da Xunta, a Consellaría de Sanidade centrou un de cada tres asuntos dirixidos á Administración galega. Foron un total de 392 as cuestións relativas á área de sanidade, unhas 160 máis que a seguinte na lista, a Consellaría de Política Social; datos que, como resaltou Fernández Galiño, evidencian o impacto da crise sanitaria.

Logo destas sitúase Educación, sobre a que se produciron 160 asuntos que representan o 13,5% dos 1.184 vinculados á Xunta. Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co 8,2% (98 asuntos) e Economía e Facenda, ambas co 5,66% (67 expedientes), completan as áreas con maior número de asuntos.

En canto ás deputacións, rexistráronse 35 queixas, 28 delas concentradas na Coruña e Pontevedra. Por municipios, destacan as cifras das sete grandes cidades, coas 67 de Pontevedra á cabeza; aínda que tamén hai concellos máis pequenos cun importante número de queixas, como é o caso da Guarda (32), Pereiro de Aguiar (16), Paradela (11) ou San Cibrao das Viñas (10).

Das 78 actuacións de oficio executadas pola Valedora, 24 estiveron relacionadas coa área de inclusión social e 11 coa de medio ambiente, seguidas por corporacións sociais e servizos municipais (9), vivenda e desafiuzamentos (9) e igualdade de xénero (8).

900 queixas recibidas sobre o CRA de Salceda

Ademais, o informe do Alto Comisionado recolle unha clasificación de queixas cun mesmo asunto e varios reclamantes, un ranking encabezado polas máis de 900 recibidas fronte á Consellaría de Educación polas altas temperaturas rexistradas no CRA de Salceda de Caselas.

As peticións de unir nunha mesma convocatoria as prazas das ofertas públicas de emprego de 2020 e 2021 con máis de 700 queixas, a construción dunha liña de alta tensión en Lousame con 180 ou as críticas á Consellaría de Medio Ambiente pola "falta de conservación" de bosques autóctonos con 120, foron outros dos asuntos colectivos con máis expedientes.