Un de cada catro profesores funcionarios de carreira xubilarase nestes anos

Alumnos e docentes nun aula (Foto: Europa Press)

Un estudo feito pola CIG-Ensino debulla as perspectivas de xubilación do persoal docente. O sindicato considera “necesario” un cambio na normativa estatal para a consolidación do profesorado interino.

CIG-Ensino vén de publicar un estudo no que analiza a situación do profesorado funcionario de carreira na Galiza, un traballo que lle permite achegarse á realidade “de posíbeis xubilacións á hora de podermos valorar os efectos das ofertas de emprego no conxunto do profesorado interino e na previsión de oposicións para futuros anos”. 

O sindicato maioritario no ensino público da Galiza levaba anos demandando “con insistencia” os dados necesarios para realizar este estudo e non foi até o de agora que a Consellaría de Educación os puxo sobre a mesa.

“Tendo en conta as xubilacións producidas nestes últimos anos (...) as cifras que podemos observar no estudo (...) deixan clara a importancia do relevo no profesorado galego”, inciden desde a CIG. A central sindical mantén que por volta de 25% do profesorado funcionario de carreira vai xubilarse nos vindeiros anos.

“Hai tamén profesorado interino, con cifras e porcentaxes moi inferiores que poden estar nesta situación, mais desde o sindicato centramos o estudo no que ten carácter fixo xa que son as súas prazas, coas limitacións actuais das taxas de reposición -persoas que se xubilan- as que poden indicar futuras ofertas de emprego público”. 

O corpo de mestres e as especialidades con máis docentes de Secundaria son as que copan os primeiros postos de profesorado entre 55 e 65 anos, segundo este estudo. Destaca especialmente a cifra de 1.316 de Primaria así como as 488 de Infantil, 360 de PT ou 249 de Inglés.

“No corpo de PES destacan por cifras absolutas aquelas especialidades que superan as 300 profesoras e profesores destas idades: Inglés, con 500 docentes nesta franxa etaria e Lingua Galega, con 447 próximas xubilacións, son as especialidades que requirirán unha maior demanda de docentes, por 355 de Xeografía e Historia ou 343 de Matemáticas”.

No caso das especialidades da Formación Profesional a situación é bastante diferente, evidenciando a diferenza entre aquelas especialidades cunha maior implantación daquelas máis novas e minoritarias. 

CIG-Ensino lembra que “leva anos demandando cambios fundamentais na normativa estatal de ingreso na función pública docente. Todas as nosas propostas, centradas nun modelo de acceso diferenciado, foron desatendidas polos diferentes gobernos, antes do PP e agora co PSOE. Negámonos a sermos cómplices de procesos masivos nos que non se dá solución ao abuso na contratación temporal”.