Un de cada catro contaxios detectados é na área sanitaria de Vigo

Espera para a realización de probas de coronavirus (Foto: Europa Press)

Descenden os casos detectados nun día a 415, máis de 25% deles na área viguesa.

Galiza experimentou un descenso no número de casos de Covid-19 detectados por  PCR en 24 horas ao situarse nos 415, máis dun 25% deles rexistrados na área de Vigo, onde un total de 109 persoas deron positivo por coronavirus.

Así se desprende da actualización da evolución da pandemia publicada na mañá desta quinta feira con datos solicitados pola Consellería de  Sanidade ata as 18:00 horas de onte.

O número de ingresados por COVID-19 mantén a súa tendencia descendente e redúcese a 513, con 92 en UCI

Así as cousas, son 106 positivos menos que os descubertos o día anterior, o que deixa a cifra total de casos activos en 8.579.

De novo, a maioría dos casos detectados proceden das áreas sanitarias de Vigo e A Coruña que, canda a de Ferrol, acumulan case 60% dos novos positivos. Con todo, a baixada é pronunciada no número de casos detectados en Vigo -109 en total-, con 137 menos dos que se descubriron 24 horas antes.

Na Coruña foron 86 os positivos detectados, 14 menos que o día anterior. Por contra, Ferrol experimenta unha crecida do número de casos detectados por  PCR en 24 horas ao subir en 29 até os 47 nunha xornada.

Tamén soben en Lugo -onde 48 persoas deron positivo no último día, 11 máis que na xornada anterior- e en Ourense, que racha unha tendencia de varios días e soben os positivos en 8 ao diagnosticarse  Covid a 19 persoas. Pontevedra é o outro distrito sanitario no que aumentan os casos detectados ao alcanzarse os 58, dez máis que 24 horas antes.

Por contra, descenden na área sanitaria de Santiago e Barbanza, na que se descubriron 48 casos de coronavirus, catro menos que na xornada anterior.

Positividade

Os datos de  Sanidade reflicten que até o momento realizáronse na galiza un total de 873.252  PCR, o que implica que nas últimas 24 horas levaron a cabo 7.912 probas, case 1.200 máis que na xornada anterior.

A positividade descende respecto a os datos de onte e sitúase no 6,2%, case dous puntos por baixo da cifra do anterior balance aínda que aínda por encima do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Un limiar por baixo do cal se sitúan as áreas sanitarias de Santiago (4,4%), A Coruña (4,6%) e Ourense (2,6%), mentres que a pasan Vigo (6,8%), Ferrol (8,7%), Lugo (7,6%) e Pontevedra (10,5%).

En canto aos casos activos -persoas que aínda están diagnosticadas da enfermidade-, esta quinta feira descenden en 59 ata situarse en 8.579 pacientes con diagnóstico Covid.

As vítimas mortais ascenden a 1.173 tras notificarse na noite do mércores o  falecemento de tres persoas, a menor cifra de mortes nunha xornada desde hai case un mes.