O 30% do alumnado galego de mestrado realiza os estudos fóra da Galiza

O 30% do alumnado galego de mestrado realiza os estudos fóra da Galiza, o que representa dous puntos máis que a media española. Esta situación dáse tamén en 13,4% das estudantes galegas que cursan un grao.

O 13,4% dos alumnos e alumnas galegas de grao realiza os seus estudos fóra da Galiza, unha porcentaxe que se duplica (29,1%) cando falamos das estudantes de mestrado, case unha de cada tres. Mentres no primeiro caso a mobilidade fica por baixo da media española (14%), no que respecta a mestrados estamos por riba: a española é de 26,7%, dous puntos menos que na Galiza. Así o constata un informe da Fundación BBVA e do Instituto valenciano de investigacións económicas (IVIE)

Pola contra, tan só 5% dos e das estudantes dos graos na Galiza proceden doutros territorios do Estado español, unha porcentaxe que en canto a mestrado é de 9,8%. Comparando as cifras de 'expulsión' e 'atracción' - seguindo a terminoloxía do estudo-, o saldo galego é negativo: marchan moitas máis estudantes das que recibimos.

De feito, e no conxunto do Estado, hai só tres territorios con saldo positivo: Madrid, Catalunya e Valencia. Madrid, por exemplo, é o grande 'succionador': 40% do total de estudantes de grao desprazados fano cara a Madrid, así como o 28% das de mestrado. Ademais, en Madrid 51% do alumnado español de posgrao procede doutras comunidades.