Unha de cada 500 crianzas adquire parálise cerebral

Sada conmemorou na véspera o Día Mundial da Parálise Cerebral cun acto público na praza maior. (Foto: Nos Diario)
'Nado para vivir a vida'. É o lema escollido por Aspace Galiza para conmemorar, hoxe, o Día Mundial da Parálise Cerebral. É, ademais, o cancelo que acompaña nas redes sociais unha manchea de fotos da infancia de quen fai visíbel a súa discapacidade e todas as necesidades de apoio que require.

Entre un 10 e un 15% das crianzas con parálise cerebral adquiren este trastorno durante o parto ou nos primeiros anos de vida. As infeccións cerebrais e as lesións na cabeza adoitan ser a causa principal desta discapacidade, cuxo grao vai vir determinado pola intensidade e o momento concreto no que se produce o traumatismo. Porén, en moitos casos non se chega a coñecer a orixe e fica só a evidencia dunha alteración do desenvolvemento cerebral ou dunha lesión na rexión do cerebro encargada do control da función motora.

As máis das veces a parálise cerebral prodúcese durante a xestación. Un 90% dos casos asócianse a unha insuficiencia de osíxeno no cerebro, a unha hemorraxia intracranial ou á exposición da nai a raios X, intoxicacións, infeccións ou a un virus durante o embarazo. 

Son algúns dos motivos que poden explicar un trastorno global, permanente e irreversíbel que na Galiza afecta a unha de cada 500 crianzas. É unha estimación, precisa a Nós Diario Nacho Pérez Figueroa, xerente de Aspace Galiza, a federación que aglutina todas as entidades que traballan no territorio coa parálise cerebral.

"Non existen rexistros reais de cantas persoas con parálise cerebral hai diagnosticadas, porque, como tal, este trastorno xa non se valora, agora ofrécense diagnósticos máis precisos, máis polo miúdo, que entran dentro do marco da parálise cerebral".

Grandes necesidades

A evidencia apunta que unha de cada 10 persoas con parálise cerebral presenta discapacidade visual severa e discapacidade intelectual, unha de cada tres experimenta dor a diario e non pode andar, precisa unha cadeira de rodas.

"Un 80% das crianzas, adolescentes, persoas mozas e adultas con parálise cerebral ten grandes necesidades de apoio, pero coa atención adecuada, calquera delas pode ter unha vida plena a nivel social, laboral e educativo", salienta Pérez Figueroa.

Os apoios son específicos para cada persoa, "non hai dúas que precisen o mesmo acompañamento", para o aseo, para alimentarse, para saír á rúa, para acceder a un ordenador ou participar nunha actividade de ocio. "Hainas que requiren todas estas axudas e hainas que son perfectamente independentes".

Atención temperá

A parálise cerebral require de atención desde "o minuto" advirten desde Aspace Galiza, fundamentias para o desenvolvemento de cada crianza. "E isto para as familias supón un custe moi elevado". Económico, físico e emocional. "Non é un gasto, unha cadeira de rodas. Non. Esa cadeira ten que ise adaptando á persoa e ás súas necesidades segundo vai crecendo. Hai axudas e apoios específicos dentro do sistema de saúde pero non son suficientes. O investimento das familias é brutal para poder chegar a todo", afirma Pérez Figueroa. 

A atención temperá centra a xornada divulgativa deste ano. "É unha cuestión vital que nas últimas décadas mellorou a saúde, a supervivencia e a esperanza de vida das persoas con parálise cerebral".