A cabeza de Trump no corpo dun xabaril: así é a campaña de denuncia en Oleiros contra as agresións de Estados Unidos

Campaña do Concello de Oleiros. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

O Concello de Oleiros alerta da situación internacional actual e dos bombardeos estadounidenses-israelís a Irán.  

O Concello de Oleiros (comarca da Coruña) vén de principiar unha campaña a favor da paz, contra a guerra e criticando o papel que desenvolve o presidente dos Estados Unidos de América, Donald Trump, e fan esta campaña a través dos paneis informativos existentes na vila.

Trátase, apuntan fontes do Goberno local, que dirixe o alcalde Ángel García Seoane, de Alternativa dos Veciños, dunha campaña de denuncia "da situación internacional que hai nestes momentos" ante as agresións de Estados Unidos e Israel a Irán.

Os paneis luminosos do municipio, os nove existentes, utilizados normalmente para informar sobre actividades no municipio, están a usarse esta vez para divulgar unha imaxe da cabeza de Donald Trump no corpo dun xabaril.

Unha imaxe á que se suma a frase “Ábrese a veda”, facendo un paralelismo coas campañas que hai de caza do xabaril autorizadas pola Xunta da Galiza.

Todo iso para rexeitar as agresións impulsadas por Estados Unidos e as actuacións de Donald Trump. Non é a primeira vez que o consistorio impulsa campañas deste tipo como as que promoveu en apoio a Palestina, entre outras.