Cabana, Laxe e Malpica duplican a incidencia do Estado con máis de 1.000 casos por 100.000 habitantes

Mostras dunha PCR (Foto: Europa Press).
Toda a comarca de Bergantiños, agás A Laracha, e o concello de Ribadavia están fechados perimetralmente desde este sábado.

Os concellos de Cabana, Laxe e Malpica contan cunha taxa de incidencia da pandemia de máis de 1.000 casos por cada 100.000 habitantes detectados nos últimos 14 días, o que fai que dupliquen a do Estado, que se sitúa por volta dos 500.

Este é un dos motivos que alegaba o comité clínico dla Consellaría de Sanidade para fechar toda a comarca de Bergantiños, agás A Laracha. Os concellos afectados son Cabana, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica e Ponteceso.

Neles debe fechar a hostalaría e amenceron hoxe cun confinamento perimetral e as reunións sociais restrinxidas a conviventes.

Saúde Pública apunta que os valores "de risco" que mostra o surto na comarca de Bergantiños, como a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos, para alén de que o grupo de idade coas taxas máis altas se atopa entre a mocidade, o que "favorece" a transmisión do virus.

O caso de Ribadavia

As medidas en Ribadavia, tamén cun feche perimetral e da hostalaría, así como limitación de reunións a conviventes, segundo o informe de Saúde Pública, responden a unha incidencia acumulada en toda a comarca do Ribeiro que "mostra unha tendencia claramente ascendente".

O foco ponse en Ribadavia, con máis de 700 casos por cada 100.000 habitantes, destacando que a taxe de transmisión é nos últimos 14 días 2,6 veces a total da Galiza, cos últimos tres días até 3,4 veces maior á do país.