Os cabalos bravos de Sabucedo, agora con GPS e drons

Besta con GPS

Un proxecto de innovación porá en valor este sistema tradicional ao tempo que minimizará os posíbeis conflitos derivados da súa presenza

Educar sobre os cabalos bravos do monte e mellorar a súa xestión. Esas son as dúas vertentes do novo proxecto de innovación que, durante os próximos dous anos, desenvolverá a asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo -xunto con outras entidades- nos seus montes. A marcaxe con GPS ou o uso de drons para a localización dos animais son dúas das medidas a implantar.

 

O plan, financiado pola Asociación Europea da Innovación (AEI) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), pretende evitar conflitos entre besteiros e propietarios forestais, amais de diminuír o risco de lumes grazas á redución de biomasa que provoca a propia presenza dos cabalos. Deste xeito, o manexo dos animais poderá ser mellorado grazas a técnicas como o GPS ou os drons para a súa localización en zonas mais inaccesíbeis, amais de instalar encerramentos que eviten accidentes de tráfico.

 

Un grupo operativo de máis dunha ducia de entidades

 

O proxecto xurdiu no pasado mes de xuño, cando a asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo constituíu -coa axuda da Xunta- un grupo operativo de innovación para identificar e analizar os desafíos a superar coa poboación de cabalos bravos nos montes de Galiza, así como as melloras que se puidesen engadir ao seu manexo tradicional.

 

Neste grupo operativo participan tres asociacións de besteiros –Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), Asociación de Gandeiros de Cabalos do Monte da Groba (Baiona) e o Monte de Carballo (Friol)– e outros organismos investigadores como a Universidade da Coruña, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, o INGACAL e o Centro Tecnolóxico da Carne.

 

Tamén inclúe entidades que desenvolven varias actividades de promoción e asesoramento a produtores de equino (PURAGA), entidades relacionadas coa conservación da natureza (Asociación Galega de Custodia do Territorio), e entidades con experiencia na vertente cultural e antropolóxica destes cabalos e os curros ou rapas (Instituto de Estudos Miñoráns). Completa o grupo 3EDATA, unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela.