Caballero critica a Xunta por retirar a atención no fogar a 127 maiores

Os Servizos de Axuda no Fogar atenden necesidades básicas da vida diaria das persoas máis vulnerábeis (Xunta da Galiza).
A delegada da Administración galega en Vigo replícalle que se trataba dunha prestación "extraordinaria" polo fechamento dos centros de día e lembra que Vigo acumula 16.000 horas do SAF "sen executar".

O alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, acusou a Xunta da Galiza de decidir "unilateralmente" a retirada do Servizo de Axuda no Fogar a 127 homes e mulleres maiores da cidade. Caballero critica que ficarán "abandonados" e “illados” ao tratarse de xente vulnerábel e que vive soa.

Nunha rolda de prensa, o rexedor da cidade olívica arremeteu contra o Executivo galego por solicitar a baixa das persoas beneficiarias desta axuda. A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, recolleu as súas acusacións e respondeu precisando que as atencións respondían a unha axuda "extraordinaria" para compensar o fechamento dos centros de día.

Ese SAF extraordinario, segundo Fernández-Tapias, facilitouse para cubrir uns servizos por outros. "Tres meses despois de que os centros de día reabrisen xa cumpriu a súa función", agregou.

A retirada desta axuda farase efectiva a partir do vindeiro 30 de novembro. "É algo que me enerva e, ademais, no medio dunha crise sanitaria”, declarou Caballero, lembrando que a Xunta recibiu "transferencias cuantiosas” do Goberno estatal para atender colectivos vulnerábeis como as persoas maiores afectadas".

"A Xunta condena a estas persoas, a maioría mulleres, a quedar sen cobertura e que teñen que facer unha solicitude para estar no SAF, cando está tardando dous anos en resolver esas solicitudes", criticou o rexedor. Caballero censurou o enfoque profundamente "antisocial" da Xunta nesta cuestión, ao "condenar" a máis de cen persoas a un destino "inimaxinábel".

Concesión criticada

O SAF é unha competencia municipal que en Vigo presta a empresa Servisar, da multinacional DomusVi. Unha concesión criticada polo BNG e a Marea locais, que sinalaron a "xestión nefasta das residencias" de maiores deste grupo na primeira vaga da pandemia da Covid-19. O pasado mes, o BNG de Vigo reclamou que a aposta do Concello debe ser a da xestión pública directa.

Se ben a competencia recae sobre os Concellos, a Xunta da Galiza organiza a prestación do servizo en forma de bolsa de horas en base as necesidades de cada consistorio. Segundo a delegada da Xunta en Vigo, o  vigués dispón de 16.000 horas ao mes "sen executar".