Alejandro Martín, avogado Nunca Máis: "A nosa querela cambiou a dinámica do proceso"

Alejandro Martin, avogado de Nunca Máis
É un dos avogados da equipa técnica xurídica da Plataforma Nunca Máis que estes días participa no xuízo pola catástrofe do Prestige. Recoñece que a xustiza é lenta e que para a sociedade galega xa é un éxito que se celebre despois de tanto tempo.

 

Non hai moito público nestas primeiras sesións do xuízo...
Sorprendeume. A organización preparou todo para unha grande asistencia.

Calquera persoa pode asistir, non?
Os xuízos son abertos todos por principio. O proceso secreto é un proceso da inquisición. O principio de publicidade é básico, sobre todo nun proceso penal. Todo o mundo ten dereito a ver e se se respectan as garantías e toda a mecánica. Hai algúns tribunais aquí en Galiza, José Juan Barreiro na Audiencia de Pontevedra, que celebra os xuízos coas portas abertas para que a sociedade poda percibir iso. Calquera que teña interese en vir non se lle pode negar o acceso.

A que se debe o atraso de dez anos en celebrarse o xuízo?
Calquera instrución que dure dez anos é unha instrución demorada. Neste caso explícase porque a xustiza española é lenta, fundamentalmente na xurisdición penal. O proceso penal non é un proceso sometido a termos preclusivos como os civís ou os contenciosos. A fase de instrución é unha fase de indagación, de investigación, non se axusta a ningún tipo de prazo.

O problema estrutural da xustiza en relación cos tempos, sobre todo na xurisdición penal. Hai un segundo, a enorme complexidade do que aquí se estaba ventilando, sobre todo desde un punto de vista do que ten que ver coa navegación do Prestige que un pouco simboliza un entramado mafioso mundial petroleiro. E todo o que xira en torno a el, de sociedades opacas, en paraísos que se agochan, que fuxen, facía moi difícil calquera acto procesal de relevancia internacional a través de comisións rogatorias que foi como se intentou. Despois porque a magnitude dos danos causados require certo tempo para ser cuantificada rigorosamente na dimensión física e na dimensión económica, patrimonial.

E por último, o xulgado de Corcubión non dispuña dos medios que se cadra debían ser necesarios para que isto se resolvera nun tempo máis curto.

"Houbo un periplo de seis días entre o trece e o 19 de novembro onde o capitán non tiña ningún tipo de capacidade sobre o barco e nese foi o tempo en que o que foi un accidente converteuse nunha catástrofe"

Nese período de dez anos quedaron fóra outros acusados, que pasou?
A querela de Nunca Máis foi un revulsivo e cambiou a dinámica do proceso. Aquel era un momento en que estaba moi presente o sinistro e o Estado reaccionara cunha virulencia enorme. Sobre todo do capitán, facéndoo culpábel de todo o que pasara, parecía desmedido. Todo estaba focalizado, e ademais cun enorme aparato de medios, naquela figura. A sociedade vía que aquelo non o explicaba todo. Aí houbo un periplo de seis días entre o trece e o 19 de novembro onde o capitán non tiña ningún tipo de capacidade sobre o barco e nese foi o tempo en que o que foi un accidente converteuse nunha catástrofe. A sociedade víao pola televisión.

Nunca Máis tomou a decisión de que se depuraran responsabilidades do que pasou neses días fundamentalmente as decisións de afastamento, as decisións de rumbos, e todo o que arrodeou aquel desastre organizativo. E dirixiu unha querela contra López Sors, a armadora do Prestige, contra o capitán e o seu primeiro oficial, mais tamén contra Arsenio Fernández de Mesa que era Delegado do goberno en Galiza, e contra Ángel del Real que era o Capitán Marítimo da Coruña. Esas tres persoas eran as máis directamente relacionadas coas decisións do barco, ou aparecía así na información en medios e na investigación que se fixera entón.

Había un órgano que se chamaba CECOP, mais basicamente era un órgano acrítico, un órgano para dar cobertura ou aparente cobertura formal a decisións que estaban movidas por temas de oportunidade e de medos e totalmente “atécnica”.

Durante a instrución a sala, a mesma sala que hoxe esta a xulgar, levantou a imputación contra Fernández de Mesa e contra Ángel del Real. E López Sors, na súa comparecencia diante do xuíz de instrución, ratificou ser el quen adoptou as decisións críticas. Polo tanto, desde un punto de vista xurídico penal, era suficiente. Nós recurrimos ao alzamento de imputación mais a sala confirmouno e quedou do que ten que ver coas decisións tomadas entre o 13 e o 19 de novembro de 2002 en López Sors que hoxe se senta no banco dos acusados.

Días antes de que comezara o xuízo publicáronse unhas conversas nas que Fomento descobre a idea de meter o petroleiro na Coruña. Que aportan?

O cerne deste proceso, polo menos co que ten que ver coa responsabilidade penal neste caso dos altos funcionarios da administración marítima española e de López Sors, o que sustentou a acción de Nunca Máis e os feitos e a investigación foi confirmando foi que a decisión de afastamento do Prestige foi unha decisión que precedeu a calquera análise rigorosa da situación. Foi unha decisión tomada na mesma noite do día do SOS, o 13 de novembro, por suposto movida por un criterio basicamente de oportunidade política. Sen coñecer exactamente o estado estructural, as dimensións da fenda que o barco presentaba e a súa causa, o tipo de carga que levaba, o estado da mar e o estado dos ventos, son factores fundamentais para tomar calquera decisión. A cousa foi así. Nesa mesma noite o goberno emitira unha nota, destas informativas, onde dicía que se estaba traballando para dar remolque e afastar ao petroleiro da costa. Era unha decisión preadoptada e basicamente movida por un criterio se cadra infantil, o que teñen os nenos de que tapan os ollos e pensan que non os ves, ou sexa se non vemos o barco non temos problema. E non foi posíbel dar un cabo ao barco durante a tarde do 13 e foi derivando cara a costa. Cando chega a costa, esta moi cerca, a catro millas, dase un cabo e tamén sen saber datos esenciais para poder tomar ningunha decisión ese cabo remolca o barco con rumbo 330 cara o noroeste. Todo o que ven despois, o CECOP, as opcións, A Coruña, Corcubión,... é algo semellante a unha montaxe para dar cobertura a algo que era desastroso.

"Afastar o buque foi unha decisión preadoptada e basicamente movida por un criterio se cadra infantil, o que teñen os nenos de que tapan os ollos e pensan que non os ves, ou sexa se non vemos o barco non temos problema"

O goberno nunca analizou con quen tiña que analizar criticamente opcións, non había ningunha opción distinta que alonxar o buque, unha evidencia disto é que nunca se puido ofrecer unha explicación lóxica desa decisión, porque había autoridades marítimas e políticas dos estados ribereños, limitrofes que querían saber que estaba pasando, cal era a explicación deso e nunca a houbo, porque era unha decisión preadoptada. Despois quíxose facer como un puzzle e ir encaixando pezas. O goberno enviou ao petroleiro ao práctico do porto da Coruña, a serafín Díaz Regueiro, co fin de poder arrancar a máquina. Pero non para avaliar o estado do verquido, non para avaliar o estado estructural, despois se dixo que era para todo eso, para poder ter unha información que permitira... mentira. O cerne de Nunca Máis esta baseado niso. Polo tanto esa enorme neglixencia na xestión dunha fonte de risco das dimensións que representaba o petroleiro é a que pode dar lugar á responsabilidade ou mesmo a unha condena ao señor López Sors. Sen prexuízo doutras condenas, doutras responsabilidades, ese é o motivo.

Esa conversa o que evidencia é que entre a xente minimamente relacionada con ese medio era obvio que ante unha situación de sinistro desas características evidentemente o que procedía era darlle algún lugar de refuxio ou abrigo ao buque para e estabilizalo e facer un trabase no posíbel. Diversos peritos que fixeron informes nestes dez anos conclúen que houbera minimizado o impacto da catástrofe. Calquera persoa cunha mínima relación co medio mariño e coa xestión de navegación nun suposto como este ten claro que calquera cousa antes do que se fixo.

Existía un Plan de Continxencias para Supostos de Contaminación Mariña, que é un Plan sobre o que hai que ir facendo exercicios de mantemento e o verán anterior á catástrofe fixérase un exercicio no porto da Coruña e partindo dun suposto de crise moi semellante a este, cun buque gaseiro, as conclusións dese exercicio eran xusto as contrarias do que acabou pasando cando o sinistro foi real e non simulado. Primeiro analizar exactamente a situación, carga, verquido, estado da marea, estado da mar, estado dos ventos, e tomar unha decisión en consecuencia. Ante un buque ferido como era ese era refuxialo, non mandalo navegar porque evidentemente calquera persoa sabía que ía pasar o que pasou. E esas conversas tamén o evidencian. Non hai ningún técnico durante estes dez anos que se pronunciara a favor desta decisión porque non ten ningún fundamento, máis que a improvisación e a oportunidade política.

O xuízo que se celebrou en Estados Unidos vai ter algunha repercusión neste?

Esta por ver. Ese xuízo foi un desastre desde todos os puntos de vista. Primeiro no económico porque o Estado tivo que desembolsar case 30 millóns de euros. Foi unha aventura con tintes algo peregrinos. O Estado pretendía liberar a súa posíbel responsabilidade aquí no Estado español amosando un responsábel civil interposto, ou primario, que era a entidade clasificadora, que se comportou de xeito neglixente na clasificación e permitiu que un buque tivera os permisos para navegar. Esta por ver porque alí manexáronse diversos informes alleos en parte a esta causa porque o Estado, moi listo, levou informes favorábeis aos seus intereses que na instancia laminaron, segundo aquel proceso non había caso. Agora a defensa do capitán solicitou que aqueles outros informes, que non son favorábeis ao Estado, e foron determinantes da decisión daquel tribunal e o Estado agocha, veñan aquí. Canto máis amplitude de medios mellor para chegar a unha conclusión do que pasou.

Non hai ningunha explicación para que se celebraran dous, un en Corcubión e outro en Estados Unidos. O Estado quedou en peor situación que ao comezar o proceso.