Buscan un pescador desaparecido desde o domingo na zona de costa de Covas, en Ferrol

Costa de Covas, en Ferrol (Foto: Nós Diario).

Un pescador atópase desaparecido en augas da costa de Ferrol, na zona de Covas, despois de desprazarse na tarde do pasado domingo, 20 de setembro, a pescar ás proximidades da cetaria e non regresar.

Un pescador atópase desaparecido en augas da costa de Ferrol, na zona de Covas, despois de desprazarse na tarde do pasado domingo, 20 de setembro, a pescar ás proximidades da cetaria e non regresar.

A voz de alarma dérona os seus familiares preto da media noite, após o que se activou un dispositivo de procura tanto por mar como por terra.

O 112 Galicia sinalou que o home adoitaba frecuentar ese lugar nestes últimos días para a práctica da pesca deportiva con cana, tal e como indicou a súa familia durante a chamada de alerta que efectuaron na medianoite.

Segundo explicaron, o señor marchou da casa sobre as 15 horas do domingo e desde ese momento non volveron saber nada del. Despois de varios intentos de chamadas ao seu móbil, así como buscas pola zona onde intuían que podía estar, ao fío da medianoite contactaron co 112 Galicia para pedir axuda.

Deste xeito, activouse un operativo de busca no que traballan Salvamento Marítimo, Servizo de Gardacostas de Galicia, Policía Nacional e Local, Bombeiros de Ferrol e voluntarios de Protección Civil.

En concreto, por parte de Salvamento Marítimo enviouse a lancha 'Salvamar Betelgeuse', que chegou a zona sobre as 2.30 horas, e que durante toda a noite percorreu a área máis próxima ás praias de Santa Comba e Ponzos.

Mentres, por terra, mobilizáronse integrantes dos Bombeiros de Ferrol, Policía Local de Ferrol e Protección Civil, ademais dalgúns familiares do desaparecido. Está previsto que nas próximas horas únanse ao dispositivo máis efectivos.