Buscan un neno de 14 anos desaparecido en Vigo a pasada semana

O vigués Iker Silva Crespo. (Foto: SOS Desaparecidos)
Trátase dun menor de 1,65 metros de altura, de complexión delgada e de pelo castaño.

Corpos de seguridade, familiares e amigos buscan nestes momentos a Iker Silva Crespo, un mozo de 14 anos de idade desaparecido en Vigo a pasada terza feira, 16 de xaneiro. Foi a súa familia a que interpuxo a denuncia diante da Policía Nacional, despois de que o neno faltase na casa a partir dese día.

Segundo recolle a asociación SOS Desaparecidos na alerta que vén de publicar, trátase dun menor de 1,65 metros de altura, de complexión delgada e de pelo castaño. O día que desapareceu vestía un pantalón vaqueiro roto, unha chaqueta negra cun debuxo branco nas costas e unhas zapatillas brancas con raias negras.

Desde SOS Desaparecidos solicitan que se alguén coñece o paradoiro do neno ou ten algunha pista ao respecto chame aos números de teléfono 649 952 957 ou 644 712 806. Tamén está dispoñíbel o correo electrónico info@sosdesaparecidos.es.

Fontes da Policía Nacional informaron de que o neno, presuntamente, fuxiu de forma voluntaria. A pesar diso, están a facerse as xestións pertinentes para localizalo. "A priori, non hai motivos para temer pola súa integridade", engadiron.