Buscan un menor de 17 anos desaparecido desde o día 23 en Santiago

Cristian Pérez Domínguez, desaparecido a pasada sexta feira en Santiago. (Foto: SOS Desaparecidos)
Non se teñen noticias de Cristian Pérez Domínguez desde a semana pasada.

As forzas de seguridade buscan en Santiago de Compostela un mozo de 17 anos do que non se teñen noticias desde a pasada sexta feira 23 de febreiro. Segundo fontes citadas pola axencia Europa Press, presentouse unha denuncia da desaparición na comisaría da Policía Nacional da capital galega na que se achegaron as características físicas e as circunstancias de como se produciu. Agora, a Policía investiga os feitos.

Neste caso, precisaron estas mesmas fontes, a investigación lévaa a Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) da Policía Nacional e tamén se trasladaron os datos ao resto de forzas de seguridade. Con todo, os primeiros indicios apuntan a unha desaparición voluntaria, mais os axentes tratan de localizalo para comprobar que se atopa ben.

Segundo publicou SOS Desaparecidos, trátase de Cristian Pérez Domínguez, un mozo de 17 anos de idade que mide 1,65 metros, é de complexión delegada, ten o pelo e os ollos castaños e tatuaxes no brazo dereito e mais no pescozo.