Buscan un mariñeiro dun barco galego desaparecido após caer ao mar

Buque 'Salvamar Deneb' de Salvamento Marítimo, que participa na procura do tripulante desaparecido do 'Novo Xoel'. (Foto: SM)
O home caeu da embarcación a unhas cinco millas ao norte de San Vicente de la Barquera, en Cantabria. É o segundo accidente que se produce este mesmo mes fronte ás costas deste territorio.

*Información actualizada ás 12.40 horas

Salvamento Marítimo activou á primeira hora da mañá desta terza feira o operativo de busca dun mariñeiro, embarcado nun buque galego, desaparecido após caer ao mar a cinco millas ao norte de San Vicente de la Barquera (Cantabria). O home faenaba a bordo do Novo Xoel, con base en Camariñas (Terra de Soneira).

O pescador desaparecido, de orixe peruana, levaba posto o chaleco salvavidas e roupa de auga, de acordo coa información facilitada desde o pesqueiro do que era tripulante. O barco estaba a pescar bocareu fronte á costa e o tripulante desaparecido, cuxa identidade aínda non se deu a coñecer, puido caer á auga e enredarse nas redes.

Desde o Novo Xoel alertaron do ocorrido contra as 7.40 horas ao Centro de Salvamento Marítimo de Santander, que mobilizou a embarcación Salvamar Deneb e o helicóptero Helimer 202. Na procura do desaparecido participan, alén de Salvamento, numerosos medios marítimos e aéreos de Garda Civil, Instituto Social da Mariña e Protección Civil de Cantabria, coordinados polo Centro Marítimo de Santander.

En concreto, toman parte nela a embarcación e o helicóptero de Salvamento Marítimo, así como o buque Alonso de Chaves; dúas patrulleiras da Garda Civil, Río Aller e Río Guadalete; o buque hospital Esperanza del Mar, do Instituto Social da Mariña, e o helicóptero 112 de Protección Civil de Cantabria.

Segundo accidente nun mes en augas cántabras

Este é segundo accidente deste tipo rexistrado en Cantabria neste mesmo mes de abril, logo de que o pasado día 3 naufragase o pesqueiro Vilaboa Un a seis millas da costa de Cabo Maior, en Santander, nun sinistro que se saldou con tres mariñeiros falecidos, un dos cales aínda se atopa desaparecido. Os outros sete tripulantes puideron ser rescatados.

O presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, lamentou este novo suceso na costa de San Vicente de la Barquera no que, "unha vez máis, a mar leva unha persona". "Levamos unha xeira terríbel de accidentes no mar. O mar é moi complicado", dixo, en declaracións á prensa durante unha visita ao porto de Santander, sinalando o amplo dispositivo de procura posto en marcha para tentar localizar o pescador, algo que, porén, "non é fácil".