Buscan un home que convivía cunha muller nunha pensión de Vigo pola súa posíbel relación co crime da maleta

Predio onde foi atopada a maleta, na rúa Espedrigada de Vigo. (Foto:0 Adrián Irago / Europa Press)

O home residiu alí até setembro, mentres que a ela perdéuselle a pista meses antes

A Policía Nacional busca un home que conviviu cunha muller nun piso de alugueiro por habitacións de Vigo o pasado verán pola súa presunta vinculación co cadáver que apareceu dentro dunha maleta tirada na rúa Espedrigada.

Segundo fontes coñecedoras da investigación consultadas pola axencia Europa Press, o home alugaría unha habitación dentro deste inmóbel para vivir coa súa parella. El deixaría o cuarto no mes de setembro, mentres que a ela, duns 60 anos, perdéuselle a pista meses antes.

Por iso, os axentes realizaron un rexistro do devandito piso, situado á altura do número 83 da rúa Fragoso de Vigo, perto do lugar onde se atopou a maleta.

Precisamente, veciñanza e comerciantes do edificio alertarían hai meses dun forte cheiro, que podería tratarse dun problema na rede de saneamento. Con todo, nos últimos días volveu repetirse, sendo rexistrada a pensión. No rexistro atopáronse indicios de que alí podería ter acontecido un feito violento. Por iso, agora a investigación trata de localizar o paradoiro do home que alugou o cuarto xunto a muller, cuxas características serían compatíbeis co corpo achado na maleta.

Por outra banda, a policía continúa coas xestións para tratar de identificar o cadáver a través de varios métodos, tanto polo seu ADN como pola reconstrución das pegadas, xa que foi atopado en avanzado estado de descomposición.

Feitos

Todo iso despois de que o cadáver dunha muller aparecera dentro dunha maleta a semana pasada en Vigo. Dita maleta foi achada por un repartidor na tarde da quinta feira, nun predio cheo de maleza, e moi perto dunha vivenda, na rúa Espedrigada da cidade olívica.

Ao decatarse do mal cheiro, o traballador avisou a Emerxencias e a Policía Nacional comprobou que, no interior da maleta (que estaba envolvida por plástico similar ao que se usa para embalar as equipaxes nos aeroportos), había un corpo de muller.

O cadáver atopábase en moi mal estado debido á descomposición e os investigadores cren, ao ver as condicións do corpo e atendendo ao testemuño da veciña da vivenda próxima, que a maleta estivo alí polo menos desde o pasado mes de agosto. A autopsia realizada ao cadáver evidencia que recibiu unha puñalada mortal, o que confirma a morte homicida da vítima.