Buscan dous individuos que deixaron inconsciente un home en Vilagarcía

Imaxe de arquivo da praza Martín Gómez Abal de Vilagarcía, onde se produciron os feitos denunciados. (Foto: Google)
Os feitos foron gravados por unha cámara de seguridade, polo que a Policía dispón das descricións dos dous implicados.

A Policía busca nestes momentos dous individuos acusados de deixar inconsciente outro home que estaba ferido e presentaba un golpe na cabeza na praza Martín Gómez Abal de Vilagarcía de Arousa (O Salnés). Nun comunicado, o Concello explica que, após ser alertados por dous homes, axentes da Policía atoparon na zona o home ferido e inconsciente, que estaba a ser atendido polos dous homes que deran parte do incidente, así como por unha muller que abandonou o lugar sen identificarse.

Ao fuxir do lugar as persoas implicadas na pelexa, os axentes accederon á gravación dunha cámara de seguridade que captou a discusión e posterior pelexa entre os tres homes, polo que dispoñen da descrición e levan a cabo as pescudas para dar cos dous agresores. Segundo detallou o consistorio, na gravación tamén se ve á muller que tentaba separalos e que foi avisar os outros dous homes que aparecen posteriormente nas imaxes.

As testemuñas sinalaron que, nun primeiro momento, o agredido incorporouse e sentou, caendo minutos despois e quedando inconsciente, sen responder a ningún tipo de estímulo e cun tremor nunha man. Tivo que ser trasladado ao Hospital do Salnés.

A poucos metros do ferido atopouse un sobre "cunha substancia que parecía marihuana e un chisqueiro", precisaron desde o Concello, así como un teléfono móbil e unha carteira que contiña o DNI da vítima, o que permitiu identificala.


Detido un home de 68 anos por agredir un menor

Por outra parte, o Concello de Vilagarcía informou de que a Policía Local foi requirida o pasado sábado pola tarde á altura da rotonda entre as rúas Doutor Tourón e Vista Alegre pola denuncia dunha agresión a un menor. A vítima, acompañada do seu pai, explicou que ía con catro amigos cando, ao cruzarse na beirarrúa cun home maior, este ameazounos cunha cadea e insultou unha moza. O grupo botouse atrás, quedando a vítima queda e, facendo caso omiso ao agresor, deu a volta, momento no que o individuo aproveitou para golpealo coa cadea.

Os axentes comprobaron que o mozo tiña marcado o golpe no ombreiro e unha ferida aberta á altura do peito. Dado que a descrición dada era semellante á doutros requirimentos recibidos ese mesmo día por ameazas e danos en coches, foron ao domicilio desta persna que, ao abrir a porta, tamén agrediu un dos axentes dándolle coa cadea nun brazo. O detido, residente en Sobradelo e de 68 anos de idade, responde as iniciais de J.R.S.P..